Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rexorde o interese polas cociñas de leña como unha opción económica e ecolóxica para quentar o fogar

Rexorde o interese polas cociñas de leña como unha opción económica e ecolóxica para quentar o fogar

Xunto aos clásicos de toda a vida, hai no mercado deseños máis modernos e vangardistas, doados de instalar e máis eficientes

Os prezos oscilan desde os 1.500 ata os 4.000 euros en función dos modelos, os materiais e as prestacións

G24.gal 30/09/2026 21:14

Non fai falla por agora poñer a calefacción, pero a medida que avance o frío será necesario quecer o fogar. E unha fonte de calor, económica e confortable, son as cociñas de leña. Perviven no mercado os formatos clásicos, pero hai tamén modelos máis vangardistas e eficientes.

Non había casa no rural galego que non tivera unha cociña de leña, que servía para facer a comida e sobre todo para quecer o fogar. Agora demanda é menor, aínda que hai nostálxicos que volven instalala, sobre todo como fonte de calor.

"O tema da calor sí inflúe, xa que mentres estás facendo a comida quentas a casa. É máis para as persoas de certa idade, que viron nacer na casa a cociña de ferro e saben como facelo. A xente nova, cada vez menos", sinala Antonio Pérez, xerente de Comercial Bautista e distribuidor de cociñas de leña, situado no concello de Vilamarín.

Os deseños evolucionaron desde os modelos clásicos ata formatos máis adaptados as cociñas modernas.

"Dende a típica cociña da avoa, como adoitamos dicir, coas planchas de fundición, fomos pasando a outro tipo de cociñas, máis modernas, con outros deseños, mesmo con distintas gamas de cores, e agora temos xa estes deseños máis vangardistas", apunta Antonio, que chegou a vender unahs 40 cociñas de ferro cada tempada, hai xa moitos anos.

As vantaxes son sobre todo económicas,... "xa que quentamos a casa con moitísimo menos gasto que por outros medios, ademais de ser unha calor rápida, incisiva e que penetra no ambiente", ...pero tamén ambientais, xa que mellorou moito a emisión do fume da combustión.

"O fume, antes de saír, dá unha nova volta no circuíto, volve arder, volve quentar e logo sae, co que as emisións ao exterior son mínimas", explica Antonio.

Dende os 1.500 ata os catro ou cinco mil euros, oscilan os prezos en función do tamaño, os materiais e as prestacións. Cando chegue o inverno seguro que quereremos estar perto dunha delas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade