A feira Fóra Stock! de Boiro quere demostrar que tamén o comercio pequeno ofrece ofertas
Boiro celebra a feira de oportunidades desde este xove ata o sábado
As tendas ofrecen ofertas e descontos de roupa, principalmente, de verán
Non só fan rebaixas as grandes superficies comerciais. Nas vilas, nas tendas de toda a vida tamén é posible atopar gangas. En Boiro organizan ata o sábado unha feira chamada Fóra Stock!.
Hai nove anos que Boiro converte as tendas físicas en postos de feira e saca á rúa o xénero da tempada de verán que xa remata. A Fóra Stock! é unha cita cos descontos do comercio local, o de proximidade.
Tamén hai edicións de saldos no inverno en Boiro. Uns vinte establecementos ofrecen descontos durante estes días. Ata o sábado. As ofertas estarán á vista, na rúa. Pero tamén no interior dos comercios que participan.
Boiro convértese nun gran centro comercial aberto, pero coa esencia da atención entre veciños. E a prezos rebaixados. Ademais de roupa e calzado, o escaparate da feira inclúe sorteos e actividades de lecer.