A Xunta presenta unha nova edición do Bono Activa Comercio
Os bonos poderán descargarse a partir deste mércores
O Consello da Xunta aprobou este luns a nova edición do Bono Activa Comercio, ao que prevén destinar 2,5 millóns de euros co obxectivo de mobilizar ata 9 millóns de vendas en negocios de proximidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o éxito que estes bonos tiveron en edicións anteriores, e explicou que os descontos serán de ata 30 euros por persoa.
En compras de entre 20 e 30 euros, o desconto é de 5 euros; se a factura está entre os 30 e 50 euro, o desconto é de 10 euros, e se a compra supera os 50 euros, o aforro chega ata os 15 euros.
A partir deste mércores os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga, e a partir dese momento poderanse ir obtendo os descontos ata que se esgote o crédito, que en edicións anteriores se consumiu en poucas xornadas.