Bueu encara a maior transformación urbana da súa historia
O convenio asinado pola Xunta e o Concello permitirá transformar a rúa Pazos Fontenla nun "bulevar accesible, verde e seguro"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, asinaron este mércores o convenio de colaboración para transformar a rúa Pazos Fontenla nun "bulevar accesible, verde e seguro", segundo explicou o xefe do Goberno galego. Para o rexedor da vila pontevedresa a urbanización desta rúa, que é un dos eixes vertebradores da localidade, é a obra urbana "máis importante da historia de Bueu".
O orzamento deste proxecto é de 2,4 millóns de euros, dos que a Xunta achegará o 70 % e o concello, o resto. O obxectivo é gañar terreos para os peóns, con beirarrúas máis amplas e espazos de descanso.
"As obras nas rúas das vilas fanse cada vez máis pensando nas persoas que transitan por elas, que viven nelas, que teñen comercios nelas", explicou Alfonso Rueda, que avanzou que os traballos comezarán este ano.
As obras inclúen a renovación do pavimento, aparcadoiros puntuais para dinamizar o comercio local, a modernización das redes de saneamento e a incorporación de solucións de drenaxe para reducir o risco de inundacións. O presidente da Xunta destacou a importancia de colaborar cos concellos que aposten por facer obras "ambiciosas e seguir renovando os lugares onde viven os veciños".