Lalín recupera paulatinamente a subministración de auga
O núcleo urbano recuperou o servizo de auga a primeira hora, o rural farao esta tarde
O Concello mantén a situación de emerxencia e o repartimento de garrafas de auga
Abriuse unha investigación para coñecer que hai detrás dun consumo desorbitado de 1,5 millóns de litros de auga en poucas horas
O Concello de Lalín reactivou a subministración de auga ao 75 % de presión tras sufrir unha caída crítica nos niveis dos seus depósitos debido ás altas temperaturas e a un consumo excesivo. Ao longo da pasada noite, os tanques que fornecen ao centro urbano lograron recuperar niveis aceptables.
O servizo funciona desde o 8:00 de hoxe cunha presión reducida ao 75 % para facilitar o enchido rápido dos tanques. É posible que nalgunhas vivendas tarde máis en normalizarse debido a bolsas de aire nas tubaxes. Nas zonas rurais, o restablecemento comeza a partir do 15:00. A empresa concesionaria estima que o servizo estará totalmente recuperado durante a noite.
O Concello mantén a distribución de auga embotellada para os veciños afectados na parte alta da localidade. Os puntos de entrega habilitados son: praza da Igrexa, Rúa C (fronte ao antigo ambulatorio), fronte ao edificio sociocultural (rúa Manuel Rivero) e Estación de autobuses.
Para reverter a situación de emerxencia, aplicáronse restricións de forma estrita.
Corte de consumos industriais: suspensión da actividade de grandes consumidores como os centros de lavado de coches en gasolineiras.
Instalacións municipais: peche total das duchas dos centros deportivos e dependencias públicas.
Controis antifraude: clausura inmediata dos puntos de consumo non controlado ou irregulares detectados recentemente.
Chamamento á poboación: esíxese contención e o uso prioritario da auga exclusivamente para o consumo humano. Monitorízanse de forma constante os picos de consumo agrícola ou gandeiro.
O detonante do caos foi un pico de consumo desorbitado dun millón e medio de litros en poucas horas que bailerou os tanques municipais. Hai unha investigación aberta para saber ata onde chega a responsabilidade de Aquadeza, a empresa concesionaria.
Malia que o servizo comeza a estabilizarse, a alerta segue acesa. O Concello insiste: o consumo debe ser solidario se se queren evitar novos cortes.