Aumentan as peticións de créditos para as vacacións, con xuros que ata dobran o prezo das viaxes
De media, os créditos para viaxes de vacacións son duns 6.000 euros
Pedirlle cartos ao banco para ir de vacacións está por diante dos créditos para estudos ou reformas
Dous de cada dez créditos dos que se piden en España son para pagar as vacacións
Para gastar nunha viaxe, para vacacións, son xa dous de cada dez créditos dos que se pide en España. De media, os préstamos para facer turismo adoitan ser de ata seis mil euros. Pedirlle cartos prestados ao banco para ir de viaxe é o pricipal motor de endebedamento persoal, por diante dos préstamos que se piden en España para estudar ou para facer reformas no fogar.
Non sempre se dan as condicións económicas axeitadas para ir de viaxe. Case catro de cada dez consumidores recoñecen que teñen a intención de pedir algún tipo de financiamento para pagar as vacacións. Entre marzo e xuño concedéronse máis de quince mil millóns de euros en créditos ao consumo. É un doce por cento máis dos que se concederon no verán do ano pasado.
A perda de poder adquisitivo, que todo sobe, e o forte desexo de consumir, disparou a petición de créditos e microcréditos como nunca antes, nos últimos dous anos.
Pagar as vacacións cun crédito pode supoñer, polos xuros ou polas comisións de apertura ou xestión, chegar a pagar o dobre do prezo orixinal da viaxe. O custo alóngase máis se se prolonga tamén o prazo de devolución. Hai quen paga as vacacións, ao banco, durante anos.