Son moitos os turistas que se despiden hoxe das Rías Baixas para volver ás súas rutinas cotiás
Desde o 15 de xullo ao 15 de agosto Sanxenxo tivo un 100% de ocupación
O remate do verán xa se percibe nesta última fin de semana de agosto
Última fin de semana de agosto dun verán que volveu ter moitos visitantes nas Rías Baixas. En vilas turísticas como Sanxenxo a imaxe deste domingo foi a das maletas e a das despedidas.
Como a canción, o final do verán chega e a xente parte. Ás doce deste domingo foi a hora de pagar e irse. En Sanxenxo a maioría dos turistas xa abandonou a vila e unha pequena minoría vai botar un día máis de vacacións ata que o luns remate este mes de agosto. E a sensación de case todos é a de non querer irse pero sobre todo non querer volver ás súas rutinas cotiás. Á espera de datos oficiais cóntannos desde a dirección dos hoteis que este volveu ser un bo verán, especialmente desde o quince de xullo ao quince de agosto, con números de ocupación que aquí roldaron o 100%. O perfil do turista desta zona das Rías Baixas é a do repetidor que reserva con moita antelación, ata dun ano para outro.
Último domingo de agosto que cae en día 30 así que hai moitos que se despidirán de Sanxenxo entre o luns e o martes. Ademais o sol que faltou durante toda a semana apareceu por fin. Pero a maioría dos turistas, viaxen este domingo de volta ou agarden un par de días, teñen algo de tristeza polo verán que deixan atrás e pola vida habitual á que regresan.