A OMS ve pouco probable que se estenda o primeiro caso mortal de shamonda en humanos
A Organización Mundial da Saúde aínda non realizou unha avaliación formal sobre o risco que comporta
Rexistrouse en Francia e causou a morte do paciente, un home cun cadro de inmunodepresión severa
As autoridades cren que o virus se transmitiu pola picadura dun insecto nunha zona onde o virus estivera presente na primavera e no verán
Reuters
O voceiro da OMS apunta que é pouco probable que o caso de Lión derive nunha propagación máis ampla. En rolda de prensa, Christian Lindmeier informou de que a transmisión do shamonda ten lugar por picaduras de pequenos insectos, que adoitan diminuír nos meses máis fríos do ano.
Lindmeier confirmou que Francia notificara o caso á OMS, en virtude do Regulamento Sanitario Internacional, e a axencia está a seguir de preto a situación e compartindo información con outros Estados, así como coa Organización Mundial de Sanidade Animal e a Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura.
"Estamos en contacto coas autoridades francesas, que están a recompilar información para comprender mellor este primeiro caso documentado en seres humanos, incluíndo a orixe da infección, as posibles vías de transmisión e calquera risco potencial para a saúde pública", destacou o portavoz.
O paciente era un home que sufría un cadro de inmunodepresión severa, e que faleceu a comezos deste mes en Lión.
O shamonda é un virus que se identificou por primeira vez en Nixeria a mediados dos anos 1960, que transmite un mosquito de tipo culicoides principalmente ao gando bovino e que este pasado verán detectouse por primeira vez en varios puntos de países europeos, incluíndo Francia.
A hipótese das autoridades francesas é que se produciu unha transmisión do virus pola picadura dun insecto no leste de Francia, unha zona na que se constatara a circulación de shamonda na primavera e verán.
O portavoz da OMS subliñou que as persoas poden adoptar medidas para protexerse das picaduras de insectos, como o uso de repelentes e roupa para reducir a pel exposta, especialmente cando estean ao aire libre e durante as estacións máis cálidas e húmidas.