Publicador de contidos

Publicador de contidos

O euríbor sobe ao 3,1%, o valor máximo do que vai de ano

O euríbor sobe ao 3,1%, o valor máximo do que vai de ano

As hipotecas variables ás que lles toque revisión verán aumentar as súas cotas mensuais

G24.gal 05/09/2026 15:09

Unha das claves económicas desta semana está na suba do euríbor, que xa se sitúa por riba do 3,1%. Este valor de referencia fundamental do mundo financeiro comezou un ascenso disparado en marzo. A cifra acadada en setembro é a máis elevada do que vai de ano.

En xaneiro de 2021 o euríbor a doce meses marcou o seu mínimo histórico. Daquela, o 52% das novas hipotecas eran a tipo variable. 

O euríbor mantívose en negativo durante máis de seis anos, entre 2016 e 2022. Agora o indicador sitúase por riba do tres por cento e marca máximos do ano. As persoas que teñan un préstamo a tipo variable e teñan que revisalo proximamente notarán a suba do euríbor na súa cota mensual. 

"Unha persoa cunha hipoteca de 170.000 deberá pagar uns 80 mensuais máis ao mes, case mil euros ao ano, máis o diferencial que teña co seu banco", explica Maiko Sanhueza, da inmobiliaria coruñesa Urbeko.

Existe a posibilidade de negociar co banco unhas condicións máis favorables ou mesmo cambiar de entidade e contratar un novo préstamo. Pero antes de tomar unha decisión, os expertos recomendan revisar polo miúdo as condicións e facer contas para comprobar se realmente compensa.

"Moitas veces hai que valorar se esa posibilidade de cancelación da hipoteca e contratación dunha nova con outra entidade finaceira non implica unha serie de gastos, sobre todo de cancelación", puntualiza José Peña, asesor en Analiza 360.

A evolución de setembro podería verse condicionada polo que decida o BCE o vindeiro día 10. Se mantén a senda que agarda o mercado, o euríbor podería manterse por riba do tres por cento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade