Os expertos advirten do risco de pedir créditos para financiar as vacacións
Segundo a Asociación de usuarios financeiros en España, un 17 % de viaxeiros ten previsto contratar as súas vacacións a través de créditos persoais de consumo, microcréditos rápidos e tarxetas de crédito con altos xuros
Nos créditos rápidos pode haber abusos non só nos xuros senón na TAE (Taxa Anual Equivalente), que pode chegar ao 300 % á hora de devolver o capital solicitado
Cada vez máis familias endebédanse para poder desfrutar das súas vacacións. Os créditos que se piden nesta época do ano aumentan. Os expertos advirten do risco polos altos xuros que despois hai que pagar: o diñeiro fácil sae caro.
Segundo a Asociación de usuarios financeiros en España, un 17 por cento de viaxeiros ten previsto contratar as súas vacacións a través de créditos persoais de consumo, microcréditos rápidos e tarxetas de crédito con altos xuros.
"Son cotas moi pequenas, pero que se pagan durante un período de tempo moi longo, e isto implica que estamos pagando xuros e xuros, e pouca amortización do capital socilitado, ademais os xuros dispáranse ata un 18 %", asevera a economista e analista financeira Maite Cancelo.
"Cando un vai pedir o préstamo, pechan os ollos, ven a praia, os paseos, as boas comidas e non ve o resto ou non quere ver o resto que vén despois, que pagara todo iso", di un turista.
Segundo os expertos, a baixa capacidade de aforro das familias, lévalles nalgúns casos a caer neste tipo de endebedamento para ir de vacacións.
"Outro produto que tamén se está comercializando son os microcréditos ou créditos rápidos, que aquí pode haber abusos non só nos xuros senón na TAE (Taxa Anual Equivalente), que pode chegar ao 300 % á hora de devolver o capital solicitado", engade Maite Cancelo.
"Hai cousa máis importantes que endebedarse por unhas vacacións. Se podo aforrar, irei onde podo"
"Collería as vacacións que puidera permitirme", comentan outros cidadáns.
Moitos pensan só no que van desfrutar nas súas vacacións soñadas, pero teñen en conta as consecuencias económicas posteriores?
"Non saben ou non pensan no que se meten e despois están aí pagando os xuros"
"Se un quere desfrutar de vacacións e non pode pois terá que pedir nalgún sitio, despois xa pagará como poida", engaden outros turistas.
O importante é planificar as vacacións con tempo, comparar prezos e calcular ben o que imos ter que pagar despois en xuros e durante canto tempo.