Bicicletas, motos e patinetes, no foco das novas normas de tráfico
Fíxase en 15 anos a idade mínima para conducir un vehículo de mobilidade persoal
Os que desenvolvan a súa actividade profesional en motocicleta deberán levar chaleco reflector en todo momento
Todos os ciclistas deberán levar casco en vías interurbanas
Imaxe de arquivo
Ciclistas, motoristas e condutores de patinetes son os principais destinatarios das novas normas de tráfico incluídas na reforma do Regulamento Xeral de Circulación, que entrará en vigor o próximo 1 de outubro co obxectivo de mellorar a protección destes usuarios vulnerables.
Estes son os principais cambios:
Patinetes: ter 15 anos para poder conducilos e casco
- Fíxase en 15 anos a idade mínima para conducir un vehículo de mobilidade persoal.
- Será obrigatorio o casco e o chaleco reflector de noite ou en situacións de escasa visibilidade e para os profesionais que circulen neles, que deberán utilizalo en todo momento.
- O incumprimento destes dous puntos supón unha infracción grave con sanción de 200 euros.
- Fóra dos núcleos urbanos, pódese permitir a circulación por vías ciclistas ou carrís bici.
Motoristas: pola beiravía dereita se hai atasco
- É obrigatorio levar calzado pechado en todo tipo de vías. O incumprimento conlevará unha infracción grave cuxa sanción económica é de 200 euros.
- Permítese a circulación de motocicletas pola beiravía dereita cando exista conxestión do tráfico, sen exceder a velocidade de 30 quilómetros/hora e previa sinalización do tramo.
- Os que desenvolvan a súa actividade profesional en motocicleta deberán levar chaleco reflector en todo momento. É unha infracción grave con sanción económica de 200 euros.
Ciclistas: na estrada con casco sen excepcións
- Suprímense as exencións de uso do casco e todos deberán levalo en vías interurbanas.
- Aqueles que desenvolvan a súa actividade profesional neste vehículo deberán facer uso en todo momento de casco de protección e chaleco reflector. E en ambos os casos, o incumprimento da norma supón unha infracción grave con sanción económica de 200 euros.
- O condutor que adiante un ciclista nunha vía interurbana deberá reducir a velocidade en polo menos 20 quilómetros/hora respecto ao límite existente na vía, mentres que en calzadas con máis dun carril por sentido, o condutor que adianta debe cambiar completamente de carril, alén de deixar a separación lateral de 1,5 m.
- En vías urbanas, os ciclistas circularán preferentemente polo centro do carril para mellorar a súa seguridade, mentres que os condutores de vehículos de motor deberán deixar unha separación mínima de 5 metros cos ciclistas que lles precedan no mesmo carril.
- Nas vías urbanas dun só carril onde estea limitada a velocidade a 30 quilómetros/hora ou inferior, e previa sinalización, a autoridade municipal poderá permitir a circulación das bicicletas nos dous sentidos de circulación.
Cinto para taxistas e profesores de autoescolas
- Suprímense as exencións ao uso do cinto de seguridade que existían para condutores de taxi, vehículos de mercancías e vehículos de ensino da condución. A partir de agora deberán levalo posto en todo momento.
- Establécese unha excepción que ampara a pasaxeiros das ambulancias asistenciais acondicionadas para permitir asistencia técnico-sanitaria en ruta cando en servizo de urxencia ocupen o habitáculo do paciente.
Con neve, polo carril dereito e prohibido adiantar
- Os vehículos que pasen a outros inmobilizados deben deixar unha separación lateral de 1,5 metros e reducir a velocidade en polo menos 20 quilómetros/hora respecto ao límite existente na vía.
- En autoestradas e autovías, cando a circulación quede dificultada por mor da neve, queda prohibido adiantar e circularase unicamente polo carril da dereita deixando libre o da esquerda para a circulación dos vehículos de emerxencia e quitaneves.
- Cando, con motivo dunha retención, os vehículos circulen a paso de peón ou permanezan detidos, deberán abeirarse de xeito que deixen un espazo central libre para permitir o paso de vehículos de policía e demais servizos de emerxencia.
Outras normas en vías urbanas
- En pasos para peóns con semáforo non poderá coincidir a luz ámbar intermitente para vehículos coa luz verde para peóns.
- Dótase de entidade xurídica aos camiños escolares seguros.
- Regúlase a manobra de estacionamento das autocaravanas, que non poderán estender elementos propios que desborden o perímetro do vehículo, deberán descansar só sobre pneumáticos e non poderán verter fluídos procedentes do habitáculo.