A conserva galega teme a entrada masiva de atún asiático
Alerta das consecuencias do acordo de libre comercio entre a Unión Europea con Tailandia e Filipinas
A industria conserveira teme que a eliminación do 94 % dos aranceis vai prexudicar a competitividade
Mentres o sector agrícola español aplaude o principio de acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Tailandia e Filipinas, o pesqueiro recea del.
O anuncio feito público esta semana e que vai supoñer a eliminación do 94 % dos aranceis comerciais co país asiático puxo en alerta a industria conserveira do atún. Temen que a entrada de produtos pesqueiros tailandeses sen aranceis, principalmente atún e os seus transformados, prexudiquen a competitividade da frota e a industria conserveira, un sector estratéxico en Galicia.
"A industria do atún xera en rexións, como é o caso de Galicia unha importante cohesión territorial, seguridade alimentaria e por suposto emprego industrial, sobre todo un emprego feminino", explica Marta Villaverde, conselleira do Mar
Tailandia é o principal produtor mundial de conservas cunha capacidade que supera as 550.000 toneladas ao ano fronte ás 18:000 que exporta a UE. As regras de xogo son diferentes. O sector amosa a súa preocupación pola entrada dunha competencia que opera con custos diferentes e con esixencias normativas laborais e ambientais que non se axustan aos estritos controis europeos.
"Nun mercado maduro que non medra e que cada vez que a Unión Europea regala sen asegurar os mesmos estándares o único que está facendo é quitar emprego ao noso territorio", apunta Roberto Alonso, secretario xeral de Anfaco-Cytma
A Xunta, da man do sector, abriu unha interlocución directa co Goberno español e coa Unión Europea. Busca crear unha fronte común con outras rexións costeiras da Unión, unha ofensiva institucional para intentar poñer freo a este acordo comercial.