Nova taxa de dous euros a cada produto comprado por internet en plataformas de fóra de Europa
A medida aféctalle ao comercio electrónico de plataformas como Shein ou Temu que envían desde a China
A normativa esixe que a taxa sexa pagada pola plataforma ou entidade importadora
Desde este domingo, 1 de novembro a Unión Europea aplica unha nova taxa de xestión de dous euros por artigo aos produtos comprados por Internet fóra do bloque comunitario. As compras procedentes de terceiros países, especialmente da China, en plataformas como Shein e Temu terán este incremento que se suma ao arancel fixo de tres euros que xa se aplica desde o pasado 1 de xullo para compras de menos de 150 euros.
Esta taxa aplícase de forma individual e multiplicativa por cada produto da cesta, sen importar se veñen todos xuntos na mesma caixa ou se son o mesmo tipo de produto. Deste xeito, se o consumidor compras 3 xerseis, a plataforma terá que pagar 6 euros en total de taxa.
Este sistema de taxas fixas estará vixente ata xullo de 2028, cando se prevé que se poña en marcha unha plataforma de datos común para aplicar os aranceis ordinarios correspondentes a cada tipo de mercadoría.
As asociacións de consumidores advirten do risco de que as empresas acaben trasladando este custo de xeito oculto ao consumidor antes de finalizar o pago, aínda que a normativa esixe que as plataformas ou entidades importadoras son quen debe asumir esta taxa. A medida busca compensar os elevados custos que sofren os servizos aduaneiros europeos: tramitacións, análise de riscos e inspeccións de seguridade.
"Agora a prioridade debe ser garantir que os importadores paguen a taxa, non os consumidores, e que os Estados membro a utilicen para o fin para o que foi concibida: reforzar realmente a capacidade aduaneira e protexer os consumidores", sinalou o director xeral da Organización Europea de Consumidores, Agustín Reyna.
En 2025 entraron na UE 5.900 millóns de artigos de baixo valor procedentes destas plataformas, catro veces máis que en 2022. Este incremento elevou a presión sobre os servizos aduaneiros e complicou a detección de mercancías que incumpren as normas europeas de seguridade e protección dos consumidores, ademais de xerar preocupación pola competencia que afrontan as empresas establecidas na Unión fronte a vendedores estranxeiros.
As plataformas que incumpran a norma ou introduzan produtos perigosos enfrontaranse a multas de ata o 6% do valor das súas importacións e a posibles bloqueos de acceso ao mercado europeo.