Fuentes (Indra): "Queremos que o 80% dos empregos queden nas Pontes"
O director de produción da multinacional calcula que crearán ata 120 postos directos e 400 indirectos na comarca
Deixa a porta aberta a investimentos adicionais aos 18 millóns de euros que van destinar á nova factoría
Indra, unha das principais multinacionais españolas de tecnoloxía, avanza no seu obxectivo de converter o norte de España nun polo industrial de defensa de referencia en Europa. A futura factoría das Pontes integrarase no corredor conformado polas plantas de Xixón e de Langreo.
O director de produción e de cadea de subministración do grupo afirma que a mediados do ano que vén comezarán a producir os primeiros prototipos que sairán da súa nova fábrica na comarca do Eume.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Manuel Fuentes explicou que elixiron a vila coruñesa en base a tres criterios. O primeiro, a proximidade ao cliente.
"Neste caso, ao exército, o que nos permite acelerar a validación dos produtos. No caso das Pontes, o máis importante para nós foi a proximidade do Arsenal Militar de Ferrol ou da base naval".
O segundo criterio, segundo explicou, foi a existencia dun "ecosistema" de empresas de referencia como Navantia ou Urovesa que "permite acelerar a posta en marcha da cadea de subministración".
"E o terceiro criterio, pero non menos importante, a dispoñibilidade de talento, tanto a nivel de institutos de formación profesional, como pode ser o IES das Pontes, o de Vilalba ou os de Ferrol, como a nivel de enxeñería co campus industrial".
O executivo do Grupo Indra tamén suliñou a importancia da colaboración entre as distintas Administracións.
"Ter Administracións que traballan de maneira conxunta e tan coordinada como atopamos nas Pontes foi un factor fundamental. Non estamos moi acostumados hoxe en día a ver Administracións de diferente signo político que traballan nunha mesma dirección común. Creo que tamén foi importante sen ser o criterio técnico definitivo".
Vehículos
Indra fabricará nas Pontes tres modelos de vehículos militares: un vehículo lanzapontes, o modelo anfibio de combate de Infantería da Mariña VACIM e un ATP Rodas.
Do lanzapontes fabricaranse 32 unidades e outros tantos camións de apoio.
"O vehículo lanzapontes é capaz de cubrir cunha ponte unha fenda de 24 metros resistindo o paso de 80 toneladas. É un proxecto que destaca polo seu carácter dual. Ademais do uso militar, ten unha vertente civil moi importante, porque pode dar soporte en catástrofes como a dina de hai dous anos".
As primeiras unidades do VACIM sairán da fábrica das Pontes a finais de 2027. En total, Indra contruirá 34 vehículos deste tipo.
"É un vehículo tamén moi innovador dentro das nosas Forzas Armadas, capaz de desembarcar en zonas de difícil acceso e con autonomías de máis de 400 quilómetros e combinadas de 12 millas náuticas e 200 quilómetros en terra".
En 2029 comezará a fabricarse o ATP Rodas, un vehículo de artillería autopropulsada, que pode cambiar de posición rapidamente e que xerará unha importante carga de traballo. Defensa encargoulle a Indra 186 unidades deste modelo que se fabricará integramente nas Pontes.
En total, Indra fabricará de aquí a 2030, uns 300 vehículos.
Emprego
O director de produción e de cadea de subministración do Grupo Indra indicou, na Radio Galega, que prevén crear entre 100 e 120 empregos cualificados na comarca.
"Contamos con crear, a nivel de empregos directos, arredor de 100-120 empregos de alta cualificación, pero tamén postos asociados á cadea de subministración. Eu creo que As Pontes e o norte da Coruña poden proporcionarnos o emprego de calidade que necesitamos dada a gran tradición industrial da provincia".
Engadiu que por cada emprego directo, crearán entre tres e catro postos de traballo indirectos, é dicir, entre 360 e 480.
"Sempre temos un factor de multiplicación por tres, como mínimo, ou por catro en número de empregos indirectos a través da chegada dunha fábrica…. No caso concreto das Pontes creo que vai ser moi significativo non só para as PEME da localidade senón de toda a provincia".
José Manuel Fuentes suliñou que o Grupo Indra "prioriza o emprego local", polo que o obxectivo é que entre sete e oito de cada dez postos de traballo creados queden nas Pontes.
"Nós sempre partimos coa idea de priorizar o emprego local porque, ademais, é o emprego con maior sentimento de pertenza. O noso obxectivo é que non menos do 75-80% dos empregos queden dentro da propia comarca das Pontes".
O executivo engadiu que, os programas especiais de modernización e obtención de capacidades de defensa (os PEM), impulsados polo Ministerio, proporcionarán "unha grande actividade para as Pontes nos próximos catro anos".
Investimentos
José Manuel Fuentes explicou que Indra realizará un investimento inicial de 18 millóns de euros na planta das Pontes. Nunha primeira fase, ata mediados do ano que vén, acometeranse as obras da factoría que terá tres liñas de produción para os tres modelos que se fabricarán na nosa comunidade. Tamén contará cunha pista de probas no exterior e con diferentes talleres de electrónica onde se farán os sistemas que se integrarán neses vehículos. A partir de xuño comezará "a actividade de prototipado" e as primeiras entregas agárdanse para despois do verán.
O executivo de Indra deixou a porta aberta a máis investimentos nun futuro próximo en base aos plans especiais de modernización que se coñecerán a finais de año e aos que se prevén activar en 2027. Programas cos que as Forzas Armadas actualizan as súas capacidades para cumprir co obxetivo de destinar o 2% do PIB a defensa que esixe a OTAN.
"A fábrica das Pontes dispón dunha superficie capaz de ser dobrada a nivel de capacidade, de talleres. Por suposto, o que buscamos é crear unha industria sostible, non baseada unicamente neste pedido senón cunha vocación de exportación, o que podería traer investimentos adicionais".
Noutra orde de cousas, José Manuel Fuentes destacou que o Centro de Excelencia Aeorespacial e de Defensa que Indra ten en Vigo incrementará a súa capacidade de produción con 60 novos enxeñeiros que se sumarán aos 160 cos que xa conta na actualidade.
"O centro vai cobrar especial relevancia porque se vai especializar no deseño e prototipado de diferentes sistemas de guerra electrónica futura que non só instalaremos en vehículos terrestres senón tamén en plataformas aéreas e navais".
Tamén puxo o foco na importancia da tradición automobilística da nosa comunidade para a produción de vehículos militares.
"O novo contexto de defensa implica que non imos producir unidades senón decenas, centenas polo que require seriar as producións. E nisto o sector do automóbil ten unha gran vantaxe que permitirá integrar todos os coñecementos adquiridos nos últimos anos. Para nós, a tradición automobilística da rexión é unha grande oportunidade".
O executivo subliñou que Indra é a empresa tecnolóxica con máis peso en Galicia, con 1.600 profesionais.