Publicador de contidos

Publicador de contidos

Stellantis Vigo lidera un proxecto para impulsar a innovación e a competitividade cun orzamento de 24,6 millóns

Stellantis Vigo lidera un proxecto para impulsar a innovación e a competitividade cun orzamento de 24,6 millóns

O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, no marco da convocatoria Industria Innova da Xunta de Galicia

RAMÓN COMET - EUROPA PRESS RAMÓN COMET - EUROPA PRESS
G24.gal 28/10/2026 18:22

Stellantis Vigo vai liderar o proxecto Fagamos (Factory Acceleration for Green and Advanced MObility through Innovative Systems), unha iniciativa colaborativa de investigación industrial e desenvolvemento experimental que ten como obxectivo deseñar, desenvolver, integrar e validar tecnoloxías avanzadas para reforzar a competitividade do sector da automoción de Galicia.

Serán ata nove as entidades que formen parte deste proxecto: os centros tecnolóxicos CTAG, AIMEN, ITG e Gradiant; as pemes galegas Unimate Robótica, Ledisson AIT, Probotec e PowerBim, ademais de Stellantis.

"Esta colaboración permitirá combinar capacidades industriais, coñecemento tecnolóxico e experiencia para desenvolver solucións aplicables en contornos produtivos reais", subliñou o grupo automobilístico.

"Os socios de Fagamos farán un investimento de 24,6 millóns de euros, cunha axuda pública de case 11,5 millóns, e a súa execución prolongarase ata setembro de 2028. Durante este período, os socios traballarán de forma coordinada para favorecer a transferencia tecnolóxica, reducir os riscos asociados á innovación e fortalecer o ecosistema galego da automoción. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, no marco da convocatoria Industria Innova da Xunta de Galicia", engade a empresa.

Fagamos estruturará as súas actividades arredor de catro áreas tecnolóxicas complementarias: fabricación, sustentabilidade, telecomunicacións e experiencia do usuario no vehículo.

Así, no ámbito da fabricación, o proxecto investigará tecnoloxías dirixidas a transformar os procesos industriais mediante intelixencia artificial, sensores avanzados, xemelgos dixitais, robótica, sistemas de control de calidade en liña e novas solucións para mellorar a ergonomía e monitorizar os procesos.

En materia de sustentabilidade, estudaranse actuacións para mellorar a eficiencia enerxética, o mantemento sostible e a descarbonización das instalacións industriais. Entre as liñas previstas figuran os xemelgos enerxéticos, a recollida de enerxía ambiental para sensores, o mantemento preditivo, a optimización da climatización ou o desenvolvemento de solucións de sensores autoalimentados.

En telecomunicacións, Fagamos abordará a xestión automatizada do ciclo de vida dos dispositivos, a aplicación de axentes de intelixencia artificial e o desenvolvemento de sistemas de conectividade ampliada e eficiente.

O proxecto tamén abordará a experiencia do usuario no vehículo, coa investigación de novas solucións de confort térmico, distribución do aire, interacción na cabina e interfaces avanzadas.

"A iniciativa dá continuidade ao compromiso de Stellantis Vigo e dos seus socios coa innovación colaborativa. Este enfoque xa estaba presente noutros tres proxectos anteriores de I+D: Factoría 4.0, Facendo 4.0 e Facendo Plus. Cun investimento conxunto de preto de 190 millóns de euros, estes proxectos permitiron rexistrar máis de 50 patentes", destaca Stellantis.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade