OPINIÓN
Principios con control, por María Bastida
Anthropic, a empresa creadora de Claude, prepárase para saír á bolsa. E faino cun plan que hai que ler dúas veces. Inclúe accións de distintos tipos, votos reforzados para os fundadores e un pequeno grupo de persoas independentes, que non son nin investidores nin empregados pero elixen a maioría do Consello de Administración. Unha lea que, no fondo, se entende axiña: que quen poña máis cartos non poida cambiar, sen máis, os principios da empresa.
Mentres gañar cartos e cumprir cos teus principios van da man, non hai nada que discutir. O problema chega cando hai que escoller. Imaxinen unha ferramenta lista para vender, pero que precisa máis probas de seguridade. Agardar custa cartos. Quen ten autoridade para dicir «agardamos»? Anthropic intenta que alguén a teña. E iso paréceme un avance.
Pero as empresas deben pensar onde queren xogar. Este luns, Microsoft ofreceulles a uns sesenta mil empregados marchar da empresa cunha indemnización. Máis dunha cuarta parte do seu persoal. O obxectivo? Recortar gastos e apostar de cheo pola intelixencia artificial. E que fixo a bolsa? Subir. Pois esa é, precisamente, a bolsa na que Anthropic quere entrar. Un lugar onde reducir persoal se aplaude. Unha empresa pode blindar os seus principios fronte aos investidores. Pero as consecuencias desta tecnoloxía non quedan dentro da empresa. Chegan ás oficinas, aos empregos, ás nosas vidas. E aí ningún órgano independente ten voz. Aí decide o mercado. Por iso as regras que se dá unha empresa poden axudar, pero non abondan. Fai falta tamén supervisión desde fóra.
Así que, entre arre e xo… arre. Pero con condicións. Paréceme ben que alguén teña poder para frear unha decisión, aínda que sexa moi rendible. Iso si: ese alguén tamén ten que dar explicacións. Protexer os principios dunha empresa merece apoio. Deixar que sexa ela soa quen decida o que nos convén a todos… xa é outra cousa.