OPINIÓN
A burbulla non é a IA, por María Bastida
Esta fin de semana coñecemos dúas cifras que dan algo de vertixe. Segundo documentos internos publicados polo Financial Times, OpenAI prevé consumir preto de 280.000 millóns de dólares de aquí a 2030. E, segundo o mesmo xornal, as grandes tecnolóxicas acumulan uns 300.000 millóns en garantías vinculadas á IA que non aparecen como débeda nos seus balances. Hai unha burbulla? Eu creo que si, pero non necesariamente unha burbulla da Intelixencia Artificial. A tecnoloxía ten valor real. A burbulla está nas expectativas, nas valoracións e, sobre todo, na cantidade de infraestrutura que se está construíndo dando por feito que a demanda medrará sen límite.
Convén distinguir tres niveis. O primeiro é tecnolóxico e aí hai poucas dúbidas. A IA chegou para quedar e producirá melloras reais de produtividade. O segundo é empresarial. Moitas compañías non atoparán unha maneira rendible de explotala. Ter usuarios, medrar ou facturar moito non é o mesmo que gañar cartos suficientes para recuperar investimentos xigantescos. O propio plan de OpenAI amósao. Aspira a multiplicar por dez os seus ingresos en cinco anos, de 36.000 a 350.000 millóns de dólares, e aínda así, nese período, seguiría gastando máis do que ingresa. O terceiro, o máis delicado, é o financeiro. Cando as mesmas empresas que venden chips, nube e capacidade de cálculo financian ou avalan a quen lles compra, as vendas deixan de ser unha proba limpa de demanda. Microsoft inviste en OpenAI, e OpenAI contrata a nube de Microsoft. Unha parte da demanda sostena o propio sector. É unha especie de economía circular, pero dos cartos.
E aquí entran os centros de datos. Estanse financiando activos carísimos, moi especializados e que envellecen axiña. A fibra óptica que sobrou despois das puntocom acabou aproveitándose durante décadas. Un chip de IA, en cambio, pode quedar anticuado en poucos anos. Se a demanda non chega, eses chips e esas instalacións valerán moito menos do previsto. E cando hai garantías fóra de balance, as perdas que parecían quedar nunha sociedade separada volven á empresa que as avalou. Iso non significa que vaiamos cara a unha nova crise financeira global, pero si que o risco é maior do que parece a simple vista.
O máis probable é que ocorra algo parecido ao das puntocom. A tecnoloxía cambiará a economía, haberá unhas poucas empresas gañadoras enormes e moitos investidores perderán cartos polo camiño. Internet sobreviviu perfectamente ao estoupido da burbulla. Moitas compañías, non. Son optimista coa tecnoloxía. Co negocio que se montou arredor dela, bastante menos.