Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta insta o Goberno a premer na UE para manter a flota en Mauritania

A Xunta insta o Goberno a premer na UE para manter a flota en Mauritania

O protocolo actual vence o 14 de novembro e a súa renovación aínda está no aire

España concentra máis da metade das licenzas comunitarias para traballar neste caladoiro

O ministro Luis Planas co titular de Pesca de Mauritania. MAPA O ministro Luis Planas co titular de Pesca de Mauritania. MAPA
G24.gal 20/09/2026 11:24 Última actualización 20/09/2026 12:52

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, dirixiuse por carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para demandar a implicación política do Goberno ante a Comisión Europea ante o vencemento inminente do convenio pesqueiro con Mauritania.

O protocolo actual, iniciado o 15 de novembro de 2021, finaliza o vindeiro día 14 "sen que as distintas roldas de conversas iniciadas no principio do ano desen froito", salienta o departamento nunha nota.

Villaverde advirte a Planas na súa misiva do "risco real" de ter que recorrer a unha prórroga técnica ou de asumir un cesamento temporal da actividade, "un escenario que xera fonda inquietude no sector e no Goberno galego", sinala o texto.

A Xunta explica que o caladoiro mauritano sustenta o acordo de maior dimensión económica dos que mantén a Unión Europea con terceiros países, cunha contribución financeira anual que a propia Comisión cifra en 60,8 millóns de euros.

Do cento de licenzas comunitarias distribuídas entre dez Estados membros, España concentra máis de 50 autorizacións para embarcacións de Galicia, Andalucía, Euskadi e as Canarias.

A conselleira fai fincapé nas implicacións xeopolíticas de non lograr unha renovación en tempo e forma.

"Calquera retirada europea deixaría o caladoiro a mercé de potencias como Rusia, a China ou Turquía, que operan baixo normativas e estándares ambientais moito menos esixentes".

Por todo iso, reclama "a máxima firmeza diplomática a nivel de Estado" para pechar o acordo antes do 14 de novembro, e insta o Ministerio a deseñar, en paralelo, unha estratexia para abrir novos acordos bilaterais con países como Angola, Guinea Conakry, Tanzania ou Kenya "para blindar o futuro da flota".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade