Publicador de contidos

Publicador de contidos

Villaverde defende a estabilidade nas cotas e celebra a reapertura do linguado para a frota galega

Villaverde defende a estabilidade nas cotas e celebra a reapertura do linguado para a frota galega

Poderá desembarcar linguado común como captura accesoria do 1 de novembro ao 31 de decembro, despois de que a pesqueira estivese pechada desde xuño ao esgotarse o límite de 190 toneladas

Imaxe de arquivo do porto de Vigo (Adrián Irago/Europa Press) Imaxe de arquivo do porto de Vigo (Adrián Irago/Europa Press)
G24.gal 26/10/2026 21:22

A conselleira do Mar, Marta Vilaverde, destacou que o acordo alcanzado polo Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da UE permite volver desembarcar linguado común como captura accesoria do 1 de novembro ao 31 de decembro, despois de que a pesqueira estivese pechada desde xuño ao esgotarse o límite de 190 toneladas.

Así o fixo este luns tras participar en Luxemburgo no Agrifish en representación das comunidades autónomas com competencias pesqueiras. O Consello, indicou a Xunta nun comunicado, alcanzou un acordo político sobre as posibilidades de pesca do Báltico para 2027, nun regulamento que inclúe cambios nas de 2026 noutras augas, entre eles os do linguado en augas cantábricas e ibéricas.

A medida suma 43 toneladas, compartidas con Portugal, e eleva de 492 a 524 o límite total para os linguados da zona.

"É un alivio para moitas familias que levan meses coa actividade paralizada, pero chega só ata final de ano. Seguiremos traballando para que 2027 teña unha solución estable", afirmou a conselleira, á vez que lembrou que o límite do linguado común para o próximo ano segue en 190 toneladas.

A conselleira tamén fixo referencia á reunión da ICCAT, que se celebrará en Vilamoura (Portugal) do 16 ao 23 de novembro, e lembrou que desta pesqueira dependen a frota galega de palangre de superficie e a conxeladora, así como a industria conserveira e pediu que a UE chegue á cita "cunha posición que as protexa".

A Xunta indicou que o debate sobre o informe anual da Comisión en materia de simplificación, aplicación e cumprimento puxo sobre a mesa "prioridades centrais" para Galicia, como unha simplificación efectiva da Política Pesqueira Común, unha aplicación proporcionada do regulamento de control e a desvinculación dos conceptos de capacidade e esforzo pesqueiro da potencia do motor ou do arqueo.

No referente ao ámbito comercial, Galicia comparte a petición de Francia, apoiada por outros Estados como España e Eslovenia, de ter máis en conta a sensibilidade dos produtos pesqueiros nos acordos de libre comercio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade