Galicia pide manter as cotas no Atlántico e simplificación para a frota artesanal
As comunidades coordinan a postura española de cara ao próximo Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu este mércores no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios a estabilidade das cotas no Atlántico e unha simplificación normativa "real e adaptada" para a frota artesanal.
Villaverde participou no encontro convocado para coordinar a postura española de cara ao próximo Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish), no que se analizou a proposta de regulamento sobre as posibilidades de pesca para 2027 e as modificacións técnicas en augas comunitarias, informou a Consellería.
A conselleira insistiu en evitar que criterios de xestión restritivos ou fórmulas adoptadas para outros caladoiros "poidan sentar precedentes prexudiciais para a actividade da frota galega en augas atlánticas e cantábricas".
Defendeu manter o TAC (total admisible de capturas) da pescada no caladoiro 8 acordado para 2026, así como as asignacións actuais en especies esenciais para a frota galega como o bonito do norte, o peixe espada ou a tintureira.
Villaverde reclamou ademais unha avaliación científica para o marraxo que garanta a conservación do recurso sen comprometer a viabilidade operativa do palangre de superficie.
En canto á simplificación, o Goberno galego considera necesario que a flexibilización dos fondos europeos se traduza en mecanismos áxiles de reprogramación que respondan aos retos de modernización dos buques e redución das cargas burocráticas.
A implantación dos novos requirimentos de dixitalización e control debe facerse cun calendario "realista e axustado ás características técnicas e operativas da pesca costeira artesanal", sinalou.