Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas propón modernizar a frota pesqueira e reducir a súa dependencia do combustible en 15 anos

Bruxelas propón modernizar a frota pesqueira e reducir a súa dependencia do combustible en 15 anos

A patronal pesqueira da UE asegura que o plan de Bruxelas para a pesca deixa o sector "sen saída"

G24.gal 20/10/2026 21:34 Última actualización 20/10/2026 21:57

A Comisión Europea presentou este martes unha estratexia para modernizar a frota pesqueira da Unión Europea, reducir a súa dependencia dos combustibles fósiles e facilitar os investimentos en pesca e acuicultura ata 2040, con medidas que inclúen a renovación dos barcos, a simplificación dos trámites para as explotacións acuícolas e un maior apoio aos pequenos pescadores, ante problemas como o envellecemento dos traballadores, os elevados custos enerxéticos e a competencia das importacións.

O plan, denominado 'Visión 2040 para a pesca e a acuicultura', contempla impulsar o uso de tecnoloxías menos contaminantes, mellorar as condicións laborais e facilitar a incorporación de mozos, ademais de reforzar a produción europea de peixe e marisco para reducir a dependencia exterior, nun mercado no que o 62 % dos produtos consumidos procede de terceiros países, segundo os datos recollidos polo Executivo comunitario.

Así, Bruxelas propón unha transformación gradual do sector, que emprega directamente unhas 200.500 persoas na UE, das que 124.500 traballan na pesca e outras 76.000 na acuicultura, ás que se suman os postos vinculados á transformación, distribución e comercialización destes alimentos.

Para levar a cabo estas medidas, Bruxelas propón recorrer, entre outras fontes de financiamento, aos polo menos 2.000 millóns de euros que a súa proposta para o próximo orzamento comunitario de 2028-2034 contempla destinar á Política Pesqueira Común (PPC), unha dotación aínda pendente de negociación entre os Estados membros que serviría para apoiar a pesca e a acuicultura sostibles e a recuperación dos ecosistemas mariños.

"Uns ingresos xustos para os pescadores e os produtores acuícolas e un medio mariño saudable dependen o un do outro", defendeu o comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, que reivindicou a necesidade de atopar un equilibrio entre a protección dos recursos naturais e a viabilidade económica das empresas.

Modernizar os barcos e reducir o consumo de combustible

Unha das principais liñas de actuación será a renovación das embarcacións para mellorar a súa eficiencia enerxética e reducir os gastos de funcionamento, especialmente nun contexto de volatilidade dos prezos do combustible que, segundo advirte a Comisión, está a afectar á competitividade da frota europea.

Para iso, a estratexia establece unha primeira fase ata 2030 centrada en reducir o consumo enerxético, desenvolver novas tecnoloxías e probar combustibles alternativos, mentres que, a partir desa data, propón estender progresivamente o uso de sistemas de propulsión con baixas ou nulas emisións, acompañados de investimentos en infraestruturas portuarias.

Bruxelas tamén revisará as directrices de 2014 utilizadas para avaliar a capacidade pesqueira dos Estados membros, co fin de estudar como ter en conta as necesidades de modernización, seguridade e mellora das condicións de traballo a bordo, sen abandonar o obxectivo de axustar a actividade extractiva aos recursos dispoñibles.

En paralelo, o Executivo comunitario quere reforzar o apoio á pesca artesanal e facilitar que os profesionais poidan complementar os seus ingresos mediante outras actividades, como o turismo pesqueiro, ao tempo que anima os gobernos nacionais a mellorar o acceso dos pequenos operadores e dos novos traballadores ás oportunidades de pesca.

Outra das prioridades será impulsar a cría de peixes, moluscos e outras especies acuáticas, unha actividade cuxa produción apenas creceu nos últimos anos e para a que Bruxelas prepara unha proposta lexislativa antes de finais de 2027 destinada a simplificar os procedementos administrativos e ofrecer maior seguridade ás empresas que queiran ampliar as súas instalacións.

A Comisión tamén poñerá en marcha o próximo ano unha iniciativa europea de acuicultura sostible para mellorar a coordinación entre as administracións e os produtores, ademais de promover investimentos que permitan aumentar a oferta comunitaria sen reducir as esixencias ambientais.

En materia de financiamento, o Executivo lembra que a súa proposta para o próximo orzamento europeo de 2028-2034 reserva un mínimo de 2.000 millóns de euros para actuacións vinculadas á Política Pesqueira Común, entre elas a pesca e a acuicultura sostibles e a recuperación dos ecosistemas mariños, aínda que esta dotación continúa pendente de negociación.

A estas axudas poderían sumarse recursos doutros instrumentos comunitarios e financiamento privado. Para iso, Bruxelas propón reforzar a cooperación co Banco Europeo de Investimentos e coas entidades financeiras nacionais, co obxectivo de facilitar o acceso ao crédito para renovar instalacións e embarcacións.

A estratexia tamén aborda o relevo xeracional, despois de que a proporción de pescadores menores de 40 anos descendese do 31 % en 2017 ao 26 % en 2023, e prevé presentar en 2027 un plan específico para atraer novos profesionais mediante formación, mellores condicións laborais e posibles axudas para acceder a unha primeira embarcación ou iniciar unha actividade acuícola.

Máis control das importacións e da pesca ilegal

No ámbito comercial, a Comisión pretende reforzar a posición dos produtores europeos fronte á competencia internacional e aumentar a información dispoñible sobre a orixe dos alimentos, mediante a aplicación de sistemas dixitais que permitan seguir o percorrido dos produtos pesqueiros e acuícolas, incluídos os importados e transformados, ao longo de toda a cadea de subministración antes de 2029.

Ademais, estudará ampliar a información obrigatoria que reciben os consumidores sobre determinados produtos preparados e conservados, mentres que en 2027 lanzará unha campaña para fomentar o consumo de peixe e marisco producido na Unión Europea e promover unha maior variedade de especies.

O plan tamén contempla intensificar a loita contra a pesca ilegal, reforzar a cooperación con terceiros países e desenvolver novos acordos internacionais que permitan garantir a subministración, ao tempo que Bruxelas insiste na necesidade de protexer as empresas comunitarias fronte a prácticas que considera de "competencia desleal".

Por último, a Comisión recoñece que as normas actuais que obrigan a desembarcar as capturas de especies reguladas, incluídas as non desexadas, non deron os resultados previstos na súa aplicación práctica, polo que abrirá un diálogo co sector antes de que remate o ano para estudar posibles solucións, entre elas o uso de novas tecnoloxías e sistemas de rexistro máis completos.

O Executivo comunitario convidou os Estados membros e as autoridades rexionais a adaptar as prioridades desta estratexia ás necesidades das súas respectivas frotas e comunidades costeiras, aínda que boa parte das medidas anunciadas deberán concretarse mediante futuras propostas lexislativas e decisións de financiamento.

A patronal pesqueira da UE asegura que o plan de Bruxelas para a pesca deixa o sector "sen saída"

 A patronal pesqueira europea (Europêche) asegurou este martes que a Visión para a Pesca e a Acuicultura 2040, que este martes presentou a Comisión Europea, é "unha rúa sen saída" e criticou que non inclúa unha revisión da Política Pesqueira Común (PPC).

"A última reforma integral desta política realizouse en 2013, o que deixa a reforma da PPC con máis de tres anos de atraso respecto ao seu ciclo habitual de dez anos. Tal e como están as cousas, resulta escandaloso que o marco actual vaia manterse en vigor ata 2040", criticaron nun comunicado.

A patronal denunciou que "as frotas e a produción de produtos do mar están a reducirse, os empregos pesqueiros están a desaparecer e a acuicultura está estancada", mentres que "os produtores e traballadores de toda Europa piden solucións que marquen a diferenza agora".

Nese contexto, consideraron que, sen a revisión da PPC, "o resto da Visión perde credibilidade" e que as súas propostas "corren o risco de debuxar unha imaxe idealista, e mesmo fantasiosa, do futuro, desconectada das necesidades actuais do sector".

Con todo, valoraron o compromiso de presentar unha proposta sobre a acuicultura para finais de 2027 "que aborde os obstáculos derivados das licenzas, os permisos e o marco regulador".

O presidente de Europêche, Javier Garat, expresou a "decepción e frustración" polo feito de que "a Comisión non sacase adiante a reforma pesqueira que o sector necesita urxentemente".

"Ningún pescador está orgulloso da PPC actual. Non actuar só afondará nas tensións sociais, máis aínda cando a nova Comisión prometeu un cambio de rumbo. Durante demasiado tempo, os produtores de alimentos sentíronse ignorados e abandonados. A menos que a Comisión cambie de rumbo, a súa frustración afondará e alimentará os movementos euroescépticos", advertiu Garat.

O plan de Bruxelas recoñece que a pesca e a acuicultura, que empregan directamente máis de 200.000 persoas na UE, desempeñan un "papel clave" na transición cara a un sistema alimentario sostible e competitivo. Para avanzar nese obxectivo, apunta a unha "estratexia integral" con medidas a curto, medio e longo prazo, pero non propón unha revisión da política pesqueira, aínda que, segundo o comisario europeo de Pesca, Costas Kadis, tampouco a descarta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade