Publicador de contidos

Publicador de contidos

A conselleira do Mar advirte en Bruxelas que os fondos previstos non chegan para a renovación da frota

A conselleira do Mar advirte en Bruxelas que os fondos previstos non chegan para a renovación da frota

Os buques galegos superan os 30 anos de media 

Marta Villaverde alerta de que non hai remuda xeracional no sector e que moitas comunidades costeiras están nunha situación económica e social difícil

Marta Villaverde, conselleira do Mar. TVG
G24.gal 14/10/2026 15:46

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, encabezou en Bruxelas unha delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) nun encontro con responsables da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), a quen trasladou as prioridades das comunidades costeiras.

No encontro participaron representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a actualización da Política Pesqueira Común (PPC).

Durante a reunión, a titular de Mar defendeu que a política pesqueira europea: "Logrou avances importantes desde 2013, pero tamén debemos ser honestos sobre o que non funcionou: tras máis dunha década, a frota envellece, ao sector cústalle atraer a unha nova xeración e moitas comunidades costeiras seguen nunha situación económica e social difícil".

"Non pedimos volver atrás, pedimos avanzar mediante unha revisión centrada nas disposicións que nos están freando", sostén.

Chama a atención sobre o envellecemento dos buques, que no caso da frota costeira galega superan os 30 anos de media e achéganse aos 40 nalgunhas zonas. Lembra que o conxunto da frota europea reduciuse nunha década, ao pasar duns 87.000 buques en 2013 a ao redor de 73.000 en 2023.

"Nesas condicións, as nosas frotas xa fixeron a súa parte; agora pedimos renovar o que queda sen confundir a modernización cun aumento do esforzo pesqueiro", explicou a conselleira do Mar, Marta Villaverde.

Advirte de que sen modernización non haberá remuda xeracional, polo que alerta de que o próximo marco financeiro plurianual pode quedar curto para afrontar a renovación da frota e a transición enerxética.

Villaverde pide menos rixidez nas sancións aos descartes 

En canto á obrigación de desembarque, a conselleira do Mar sinala que "a propia avaliación da Comisión recoñece que non deu o resultado esperado e que, en moitas pesqueiras, os descartes débense a regras excesivamente ríxidas e non a malas prácticas", polo que avoga por poñer o foco na selectividade e a ciencia antes que nas sancións.

Como exemplo dese desaxuste, expón o caso do palangre semipeláxico ('pedra-bóla') de Burela (Lugo), afectado polos peches de augas profundas. Sinala o estudo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) -elaborado sobre máis de 6,3 millóns de anzois e no que a pescada representou máis do 90 % das capturas-, cun impacto marxinal sobre especies vulnerables (un fragmento por cada 600.000 anzois)-, para pedir que se revise a clasificación técnica desta arte de pesca.

Marta Villaverde invitou formalmente os representantes da DG MARE a visitar Galicia para "mostrarlles de primeira man a realidade" das comunidades pesqueiras galegas e abre a porta á súa participación directa nas próximas reunións do grupo de traballo de pesca da CRPM para manter este diálogo institucional de xeito continuo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade