Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arranca Conxemar, a feira que reivindica desde Vigo o liderado do sector pesqueiro galego

Arranca Conxemar, a feira que reivindica desde Vigo o liderado do sector pesqueiro galego

O evento do Ifevi é xa unha das citas de referencia mundial no sector dos produtos do mar conxelados

Alfonso Rueda pide que poidan competir en condicións de igualdade cos alimentos que chegan de fóra da Unión Europea

As melloras no plan de tráfico evitan os atascos no inicio de Conxemar

G24.gal 06/10/2026 14:33 Última actualización 06/10/2026 14:51

Dende Galicia unha das novidades en Conxemar son os mexillóns, as ameixas e os berberechos pasteurizados. José Manuel Rivero, xerente de Mexillóns Ría de Arosa asegura que  "isto permítenos ter o produto nos nosos fogares en 30-45 días sen ningún tipo de aditivo".

Do sur chega o atún vermello de almadraba. Alberto Sánchez, director de márketing de Petaca Chico, preséntao cun punto innovador " traemos uns petiscos morunos de atún, un produto típico familiar que sexa unha opción máis para o consumo de Omega 3 nos máis pequenos".

E todo aderezado cun sal, galego, cos mesmos usos ca o tradicional,  pero diferente. Laura Castiñeira, CEO Tequisa explica que presentan en Vigo "un sal baixo en sodio, que se chama Plus Sal, a OMS está pedindo que se reduza o sodio nos alimentos". 

Conectar cos novos hábitos de alimentación e un dos retos do sector. O outro, di Alfonso Rueda, que poidan competir en igualdade de condicións: "A competencia internacional non dá tregua, por iso pedimos que sexa unha competencia en igualdade de condicións. Non se pode competir en condicións de desigualdade por moi bos que sexamos".

Conxemar bate este ano un novo récord de expositores con máis de 830 procedentes de 47 países. 

A secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, destacou  o liderado de España en produtos acuicolas e reivindicou unha "competencia xusta". Artime considerou este evento como "un dos grandes escaparates da fortaleza, dimensión e capacidade de futuro" do sector pesqueiro e acuicola español.

O presidente de Conxemar, Eloy Alvariza, afirmou que este ano volven dar " un paso máis", con nova marca de empresas expositoras (836) despois de superar o ano pasado os 30.000 visitantes e lembrou o lema desta edición: "Aquí é onde os negocios teñen lugar".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, dixo que Conxemar é a "crónica dun éxito anunciado", o resultado de "un esforzo excepcional", e prometeu que "a necesidade da ampliación se vai a resolver inmediatamente", o que suscitou aplausos entre os asistentes.

A continuación, o presidente da Xunta, que pechou as intervencións, tamén se comprometeu a acompañar ese "crecemento responsable e adecuado á demanda" de Conxemar."Tes, Eloy, o compromiso da Xunta nese futuro e toca demostralo", indicou Rueda, quen precisou que "demostralo é ser capaces" de entenderse entre as distintas institucións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade