Publicador de contidos

Publicador de contidos

As melloras no plan de tráfico evitan os atascos no inicio de Conxemar

As melloras no plan de tráfico evitan os atascos no inicio de Conxemar

A diferenza de anos anteriores, as retencións foron liviás no día de apertura da feira

A Garda Civil abriu unha entrada exclusiva dende a AP-9 ata o recinto feiral de Vigo

G24.gal 06/10/2026 13:50

Como cada outubro, un mar de coches navega cara a Conxemar. A organización calcula que máis de trinta e cinco mil persoas pasarán pola feira de Vigo durante os tres días de actividade. Son centos, milleiros, de vehículos que conflúen no Ifevi. O primeiro reto, cada ano, é chegar ata alí.

"Está bastante aglomerado o tráfico, bastante", di un transportista ao volante da súa furgoneta a poucos metros da feira.

"Atrásate quince minutos, vinte, tampouco é moito máis", engade outro profesional.

Porque os tempos, e os remedios, foron cambiando. Conxemar 2026 abriu este martes sen atrancos importantes na circulación. Atrás quedan as imaxes dos atascos, longos, moi longos, de anos anteriores, cando tanto os accesos pola avenida do aeroporto como pola AP-9 chegaban a colapsarse.

"Mellor ca outras veces, a verdade é que vai bastante fluído", di un condutor que chega á feira dende A Coruña.

"Dende Vigo tardamos vinte minutos, moi ben", asegura outra visitante.

"Ben, ben, cheguei moi tranquila. Ata aquí, moi rápido", completa unha moza 

A Garda Civil deu cunha importante solución. A estrada que chega ao recinto feiral de Vigo dende a AP-9, a avenida do Tranvía, queda reservada unicamente como vía de entrada á feira. Os coches poden subir polos dous carrís, tamén polo que normalmente é de baixada. Así, evitan que se formen as retencións que noutras edicións chegaban a estenderse dentro da propia autoestrada.

"A idea foi facer dous carrís de entrada, para axilizar o tráfico, e darlle bastante axilidade na rotonda, porque aquí conflúen varias estradas", explica sobre o asfalto o subtenente do destacamento de Tráfico da Garda Civil no Porriño, Mariano Jiménez.

"É verdade que agora non podemos volver por aquí a autoestrada pero, vamos, moito mellor", ratifica un taxista que trae visitantes dende Pontevedra.

Ademais, a propia organización de Conxemar dispón dalgunhas medidas para facilitar o acceso. Tres liñas de autobuses, completamente gratuítos, recollen visitantes pasando por diferentes hoteis do centro de Vigo. E os que chegan en avión a Peinador poden ir camiñando ata a feira pola pasarela elevada que se construíu hai uns anos para conectar directamente o aeroporto co recinto do Ifevi.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade