Publicador de contidos

Publicador de contidos

León XIV presenta unha evolución postoperatoria normal e inicia a fisioterapia respiratoria

León XIV presenta unha evolución postoperatoria normal e inicia a fisioterapia respiratoria

O papa comezou a camiñar e retomou a súa alimentación habitual

Hospital Gemelli, Roma. ALESSIA GIULIANI/Zuma Press/Europa Press Hospital Gemelli, Roma. ALESSIA GIULIANI/Zuma Press/Europa Press
G24.gal 14/10/2026 16:40 Última actualización 14/10/2026 17:01

O papa León XIV presenta unha evolución postoperatoria normal. Tras as análises de sangue e a radiografía de tórax,  iniciou este mércores a fisioterapia respiratoria.

"Esta mañá, o Santo Padre someteuse ás análises de sangue e á radiografía de tórax previstas tras a intervención. Os resultados confirman unha evolución postoperatoria normal: os valores atópanse dentro dos límites normais para o tipo de intervención realizada", informou este mércores a Oficina de Prensa do Vaticano.

O papa, que permanece ingresado no Policlínico Gemelli de Roma, foi operado o martes dun adenocarcinoma, un tipo de cancro pulmonar, nunha intervención na que se lle extirpou o lóbulo inferior do pulmón dereito mediante cirurxía videoasistida.

Na información difundida pola Santa Sé tamén se indica que o papa realizou este mércores fisioterapia respiratoria, comezou a camiñar e retomou a súa alimentación habitual, tomando o almorzo e o xantar.

Ademais, fontes vaticanas confirmaron que León XIV se atopa ben e de bo humor.

O comunicado, que cita o médico persoal do papa, Luigi Carbone, e o xefe de cirurxía torácica do Gemelli, Stefano Margaritora, conclúe que "a evolución segue segundo o previsto".

A información remitida este mércores pola Santa Sé non fai referencia a próximos tratamentos e queda por coñecer o resultado das análises moleculares dos tecidos e dos ganglios linfáticos extraídos na intervención, para posibles tratamentos.

Estes exames necesitan o seu tempo, sinalaron fontes vaticanas, que estiman que os resultados poderían estar nunha semana.

Outros detalles coñecidos este mércores a través de fontes vaticanas refírense ás probas diagnósticas realizadas ao papa antes da operación, que consistiron nunha broncoscopia robótica con biopsia e nun TAC torácico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade