80 anos como sacristán da parroquia de Lobeira e vai seguir mentras non haxa relevo
Antonio Zúñiga comezou con tan só 10 anos como sacristán e con sinceridade di que empezou por necesidade e continúa con 90 anos por vocación
O Bispado vai recoñecer o seu labor a prol da diócese e entregaranlle unha medalla
Ademais a veciñanza está preparándolle a súa propia homenaxe
Pasaron 80 anos, cambiaron os párrocos, pero el segue aí. Antonio Zúñiga comezou como sacristán con só dez anos e, agora aos 90, segue coidando a mesma igrexa de San Vicente de Lobeira, na provincia de Ourense. Unha dedicación á comunidade eclesiástica que será recoñecida cunha medalla do bispado.
Chaves en man o sacristán don Antonio leva 80 anos facendo o mesmo ritual para preparar a liturxia na igrexa parroquial de San Vicente de Lobeira. Primeiro dixíxese ao altar e prende as luces... e comeza o seu labor.
"Eu empecei para axudar á miña mai que anda ao xornal, e logo porque me gustaba", conta Antonio.
"Que leve 80 anos de oficio de sacrtistán non é fácil chegar", apunta o párroco Roberto Álvarez Sánchez, o párroco de San Vicente de Lobeira.
Toda unha vida dedicada ao compromiso coa igrexa e os seus fregueses. Un recoñecemento que lle chegará cunha medalla do Bispado e pode que algunha sorpesa máis.
"A miña única función é dar a misa, o resto Antonio prepara todo con coidado con atención. É unha vocación de servizo, de axuda á igrexa e á comunidade parroquial", aseura o párroco.
Sobre o seu futuro Antonio di que por agora non pensa en entregar as chaves da igrexa, pero gustaríalle poder atopar un relevo. Ademais el é tamén un fiel devoto, e colabora coas misas e coa romaría na capela na virxe do Viso, en Lobeira. Segundo Roberto, o párroco, Antonio é un home moi querido e coñecido na Baixa limia.
"Ben vemos que está moi ben de saúde mental e física e conmoitas ganas de continuar", asegura Roberto Álvarez Sánchez.
"A pena que me queda é que non haxa un sucesor que diga, vouno facer exctamente igual", lamenta o sacristán despois de 80 anos de oficio.