Os Estatutos das mulleres do agro e do mar de Galicia buscarán a "igualdade efectiva" nos sectores
O Consello da Xunta aprobou os dous textos para "recoñecer e visibilizar o papel das mulleres" e tamén para promover o seu papel en "profesións masculinizadas"
Arquivo (Europa Press/Adrián Irago)
O Consello da Xunta aprobou este martes o Estatuto das Mulleres do Rural e Estatuto das Mulleres do sector Marítimo-Pesqueiro que desenvolven a igualdade efectiva de mulleres e homes nestes sectores.
Segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, "falamos de recoñecer e visibilizar o papel das mulleres, de garantir o seu acceso en condicións de igualdade e tamén de recursos, de fomentar a súa contratación en profesións masculinizadas, de impulsar que sexan titulares de explotacións e tamén de embarcacións, ou promover a súa participación nos espazos de decisión".
Calvo, quen este martes substituía na presidencia do Consello da Xunta a Alfonso Rueda, por estar en Bruxelas participando no Comité das Rexións, explicou que no ámbito agrario vasie "promover que cando menos o 40 % dos órganos de goberno das asociacións agrarias estean formados por mulleres, e fomentarase a conciliación nas zonas rurais, a seguriade no traballo ou a dignificación salararial no sector".
En canto ás mulleres do mar, vaise "incorporar a prespectiva de xénero na prevención de riscos laborais, adaptando ferramentas e equipos, e adecuando espazos garantindo a intimidade nas embarcacións ou fomentando que as empresas conten con protocolos contra o acoso sexual".
Ademais, asegurou que se vai garantir "a incorporación ao Consello Galego de Pesca de vogais de organizacións que defenden os dereitos das mulleres do mar".
A previsión é que os dous textos estean aprobados antes de finais de ano.
O Consello da Xunta acordou tamén licitar as obras de construción de 111 vivendas de promoción pública nos concellos de Carballo e Salceda de Caselas.