A nova estación de autobuses da Coruña comezará a funcionar o 3 de novembro
A intermodal completarase coa remodelada estación de tren previsiblemente a finais de ano
137 liñas de autobuses e 180.000 servizos anuais. Son as cifras das concesións do plan de transporte público de Galicia que mudarán de estación na cidade da Coruña.
"Falta fai que se active a ver si mellora un pouco toda esta zona", di un veciño da Sardiñeira.
Será a partir do tres de novembro cando se poña en marcha o plan de reordenación dos cinco corredores de entrada e saída da cidade. Os cambios permitirán reducir o tempo do traxecto entre 6 e 8 minutos nas liñas que proceden do sur da provincia.
"A ver se podo coller un bus antes porque coincidíanme mal. Agora xa perfecto", asegura unha viaxeira.
Desde o Concello da Coruña din que a data fixada pola Xunta de Galicia é precipitada.
"Hai que facer un plan de mobilidade. Hai que ter en conta que nesa zona aínda hai obras porque a estación de tren aínda non está aberta. Creo que se poden facer as cousas doutro xeito", afirma Inés Rey, Alcaldesa da Coruña.
Un proceso, di o Goberno autonómico, en que se leva traballando varios meses.
"Levamos mais de cinco reunións cos técnicos do Concello e non entendemos como agora di que non sabían nada. Nós estamos traballando de maneira seria, cumprindo os prazos", responde o Conselleiro da Presidencia, Diego Calvo.
A nova intermodal da Coruña completarase coa remodelada estación de tren a finais de ano.