Publicador de contidos

Publicador de contidos

O BNG defenderá no Parlamento "un escudo social galego" contra as consecuencias da guerra

O BNG defenderá no Parlamento "un escudo social galego" contra as consecuencias da guerra

O BNG valora que as propostas do Goberno central son "insuficientes" e as da Xunta "inexistentes"

Propón axudas directas aos sectores máis afectados pola suba do combustible e bonificación do transporte público

G24.gal 21/03/2026 17:14

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a súa formación defenderá no próximo pleno do Parlamento "un escudo social galego" con diferentes medidas para paliar as consecuencias dunha guerra "ilegal".

Pontón arrincou a súa intervención no Consello Nacional pedíndolle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que tome medidas "contra a suba de prezos, derivada dunha guerra ilegal que o PP apoiou". Durante o seu discurso, referiuse "ás enormes subas do prezo do combustible" de ata un 26% ou ao aumento dos custos de produción para os gandeiros debido á especulación co diésel agrícola, que subiu un 50% en tempo récord.

Pontón criticou a posición do Partido Popular, que, dixo, xustificou a guerra "desde o primeiro minuto".

"A guerra ilegal de Trump, que o PP apoia, está a provocar unha subida insostible dos prezos para as familias, os agricultores e a clase traballadora no seu conxunto. E que fai Rueda? Botar balóns fóra e esconderse, negándose a comparecer no Parlamento", lamentou Pontón.

A nacionalista pediulle ao Goberno estatal medidas máis contundentes.

" Ímoslle demandar ao Goberno do Estado que vaia máis alá na resposta a esta crise. Que aposte por frear realmente a suba dos alugueiros e as hipotecas; por evitar a especulación co gas e a gasolina e que aposte por eliminar as peaxes da AP-9 e a A-53.

Entre as medidas do "escudo social galego" o BNG contempla axudas directas aos sectores máis afectados: transporte, pesca, agricultura e gandería, especialmente vulnerables á suba do combustible. Propón a implementación dun bono que permita o uso de todo o transporte público por 30 euros ao mes.

Tamén inclúe levantar as peaxes das autoestradas que dependen da Xunta e duplicar o complemento autonómico para as pensións non contributivas. Expuxo ademais a creación dun fondo extraordinario para os municipios, así como a posta en marcha de liñas de crédito e axudas ás pequenas e medianas empresas para paliar o aumento de prezos.

O BNG prepara o camiño cara ás municipais de 2027

Ana Pontón asegurou que antes do 25 de xullo saberemos os nomes dos candidatos nacionalistas nas sete grandes cidades. A líder do BNG anuncia unha intensa mobilización nestes meses para acadar máis alcaldías a través, dixo, dun contacto directo coa veciñanza e cunha boa planificación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade