Conclúe a primeira reunión en Kíiv dos enviados de Trump con Zelenski
O encontro para tentar relanzar as negociacións de paz con Rusia durou tres horas
Zelenski recibe os enviados de Trump en Kíiv. REUTERS/Valentyn Ogirenko
A reunión entre o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, e os emisarios da Casa Branca, Steve Witkoff e Jared Kushner, para tentar relanzar as negociacións de paz con Rusia concluíu este domingo tras tres horas.
Agora sumaranse os asesores de seguridade nacional de Francia, Alemaña e o Reino Unido a outro encontro cos equipos ucraíno e estadounidense.
"Non queremos sufrimento nin mortes. Queremos que esta guerra termine de forma xusta e dun xeito que impida que Rusia siga agredindo a Ucraína", dixo Zelenski ante Witkoff e Kushner, segundo recolle a axencia UNIAN.
Kushner afirmou que o presidente dos EUA, Donald Trump, está moi decidido a poñer fin á guerra e a crear as condicións para unha paz duradeira en Ucraína, de acordo coa mesma fonte.
O xenro de Trump engadiu que os futuros acordos deberían facer imposible unha nova guerra e dar a Ucraína a oportunidade de poñer ao servizo do desenvolvemento do país a forza e o enxeño demostrados durante os anos de guerra.
Pola súa banda, Witkoff valorou as conversas de xeito positivo e amosou a súa disposición a seguir traballando en Kíiv o tempo necesario para avanzar cara ao fin da guerra.
REUTERS/Alina Smutko
Primeira visita a Kíiv
Trátase da primeira visita de ambos os dous á capital ucraína, a onde chegaron en tren, porque "os rusos non permitiron que chegasen en avión", segundo Zelenski, malia decretar un cesamento dos ataques contra a cidade ata o luns.
Desde que Trump asumiu o seu segundo mandato, Witkoff e Kushner visitaron Rusia en varias ocasións pero os negociadores ucraínos sempre tiveron que se desprazar a outros países.
A última reunión entre o equipo de Zelenski e os emisarios estadounidenses tivo lugar a finais de marzo en Miami (A Florida), pero o presidente ucraíno tamén se reuniu en xullo en dúas ocasións con Trump, no marco do cume da OTAN e no despacho oval.
O diálogo entre ambas as dúas partes permanece estancado dende hai máis de seis meses pola guerra dos EUA con Irán e a imposibilidade de achegar posturas. Este sábado, os emisarios presentáronlle unha nova proposta a Vladimir Putin en Moscova.