A Xunta mantén o desconto do 40 % en buses, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol
A Xunta mantén o desconto do 40 % en buses, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol
As bonificacións do 40 % no transporte público autonómico aplícanse sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e as tarxetas de mobilidade de Galicia
Garántese a continuidade das bonificacións aos usuarios do transporte público autonómico, sen interrupción, desde o 1 de xaneiro e prevese a ampliación do período da minoración temporal da tarifa
Cobrador de autobús
A Xunta mantén desde este xoves, 1 de xaneiro, o desconto do 40 % nos autobuses interurbanos da súa competencia, no transporte da ría integrado na área de transporte metropolitano de Vigo -conexións Cangas-Vigo, Moaña-Vigo en sentidos de ida e volta- e no tren na ATM de Ferrol.
Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) na orde que publica este martes, que permite continuar con estas bonificacións do 40 % no transporte público autonómico, que se aplican sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e as tarxetas de mobilidade de Galicia.
A orde regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta.
Con esta tramitación e publicación no DOG, o Executivo autonómico garante que as bonificacións aos usuarios do transporte público autonómico teñan continuidade, sen interrupción, desde o 1 de xaneiro.
Ademais, aínda que a orde establece como prazo de aplicación dos descontos ata o 31 de xaneiro, xa prevé a ampliación do período en que se aplicará a minoración temporal da tarifa, de forma que a Xunta garante a súa continuidade no tempo.