Veciños de Ourense, "en pé de guerra" por un autobús urbano digno
Quéixanse dos cambios introducidos polo Concello, falan de paradas máis afastadas, de traxectos máis longos
Sairán a rúa para protestar e reclamar un transporte urbano que atenda as súas necesidades
Máis de medio quilómetro a pé, nunha zona pendente e moitas veces cargados con bolsas. É o camiño que teñen que facer para volver á casa os veciños do barrio ourensán de Cudeiro desde que cambiaron as liñas do autobús urbano.
"Con bolsas, é unha subida, a xente maior non pode facer ese traxecto", di Visitación Lobelle, presidenta da asociación de veciños de Cudeiro.
O cambio que máis lles afectou foi eliminar a parada na avenida de Santiago, onde a praza da Mariña.
"Nós facemos vida alí, alí está a farmacia, o supermercado, o comercio local", engade a presidenta da asociación de veciños.
Tampouco teñen doado ir ao hospital, hai que facer transbordo.
"Tes que ir coller o autobús dúas horas antes", asegura unha veciña.
No barrio do Pino, o servizo tampouco atende as necesidades dos veciños, dan máis rodeos e algunhas paradas quedan a desmán.
"Lévame unha hora ir ao centro", di un veciño.
Fartos da situación, sairán á rúa para protestar e esixir un transporte público digno. O Concello di que non se poden repoñer as liñas ata que haxa unha nova concesión.