Publicador de contidos

Publicador de contidos

Retiran o bus ardido na AG-53 en San Cristovo de Cea

Retiran o bus ardido na AG-53 en San Cristovo de Cea

Os 63 pasaxeiros que viaxaban no vehículo resultaron ilesos

G24.gal 17/08/2026 09:50 Última actualización 17/08/2026 14:24

O autobús calcinado este domingo á tarde na AG-53, á altura de San Cristovo de Cea, foi reitrado este luns á mañá cuns guindastres de grandes dimensións, e nestes momentos os operarios traballan na limpeza do asfalto para recuperar canto antes a circulación neste punto.

O suceso produciuse á altura do quilómetro 70, na parroquia de Lamas, pouco antes das seis da tarde. O omnibús, con 63 pasaxeiros a bordo, comezou a arder en marcha.

A alerta dérona varios condutores que circulaban pola mesma vía.

“Empezou a saír fume pola parte de atrás e uns coches dixéronnos: ‘Parar, parar’. O home parou e, nada máis baixar, o autobús prendeu lume”, relataba un dos pasaxeiros.

Todos os ocupantes foron evacuados antes de que o lume consumise por completo o vehículo, sen que houbese que lamentar danos persoais, e continuaron viaxe cara a Valladolid noutro autobús.

A rapidez na evacuación foi determinante para evitar danos persoais. En poucos minutos, as chamas consumiron por completo o autobús.

“Foi bastante rápido. En cuestión de minutos baixamos todos e quedamos alí. Estamos ben”, explicaba outra das viaxeiras.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Carballiño para sufocar as lapas, que tamén alcanzaron o monte lindeiro.

“Chamaron aproximadamente ás 17.50 ao parque de bombeiros informándonos de que había un autobús de pasaxeiros ardendo. Desprazámonos ata aquí cunha bomba urbana lixeira e un nodriza pesado. Como vedes, o autobús ardeu por completo. Levounos o seu tempo: primeiro con auga para tratar de baixar un pouco a temperatura e logo con escuma”, explicaba Miguel Varela, cabo dos Bombeiros do Carballiño.

Malia a perda total do vehículo e das equipaxes, os bombeiros quixeron destacar a actuación do condutor.

“Felicitamos o condutor polo bo labor que fixo porque, aínda que a equipaxe está perdida e o autobús tamén, todo o mundo está a salvo e iso foi pola súa boa labor”, engadía Varela.

Tras o susto, entre os viaxeiros quedou sobre todo a sensación de alivio.

“Nada, aquí estamos, celebrándoo. Eu salvei o augardente, pero o importante é que estamos todos ben. Algunha persoa maior si que tivo un ataque de ansiedade, pero estamos ben. Imos para Valladolid encantados. Volveremos”, contaba unha das pasaxeiras.

Todo quedou nun susto, con danos materiais e sen feridos.

Durante un par de horas a autovía permaneceu cortada nese punto en dirección Ourense, e xa ás 20:30 restableceuse o tráfico polo carril esquerdo.

Porén, esta mañá, para poder realizar a retirada do vehículo con total seguridade, o tráfico tivo que cortarse de novo durante unhas horas.

Ademais o suceso causou un incendio forestal na mesma parroquia que se deu por estabilizado pouco tempo despois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade