Salva os seus animais do lume nunha nave en Salvaterra de Miño
Tratáse de exemplares de cabra boer e dunha vaca, todos eles de gran valor xénetico
O lume calcinou dez toneladas de palla, ferramenta e danou a instalación
Respira con dificultade. É un dos castróns que estaba no interior da nave cando comezou o lume. Pasaban das cinco da tarde. Miguel Garrido, dono da gandaría, estaba a dar clase na escola da natureza ligada a explotación cando foi alertado por un veciño. Ao saír, relata, xa estaba todo en lapas. Incapaces de sufocalo cunha mangueira, decidiu entrar polos animais. Sacou primeiro os tres cabritos e dous castróns, con pesos de entre 50 e 120 quilos, e despois a vaca que xa tiña queimaduras.
Un rescate angustioso que lle deixou varias feridas nos brazos, pero a súa preocupación agora é a recuperación do gando. Conta ca única explotación profesional de cabras Boer de España e a maior reserva xenética desta raza en Europa. Varios dos exemplares afectados ían saír cara a Francia nos próximos días. A vaca tamén ten varios recoñecementos a este nivel o que eleva considerablemente o seu valor.
Sospeitan que o lume puido comezar na instalación eléctrica. Calcinou toda a palla que trouxera hai menos dun mes para alimentar o gando, arredor de dez toneladas e danou a nave. Son as consecuencias dun lume difícil de apagar no que os bombeiros estiveron a traballar durante máis de cinco horas.