Os propietarios galegos consultan como lles afectan os decretos de vivenda
Máis de 4.000 vivendas saíron do mercado de alugueiro en España dende que se anunciaron os novos decretos de vivenda, segundo os datos da Federación de Asociacións Inmobiliarias
En Galicia, foron moitos os propietarios que tamén optaron por agardar ata coñecer ben os detalles da nova normativa
As chamadas dos propietarios con pisos en alugueiro repítense nas inmobiliarias galegas. Candela Cabello, directora de estratexia e comunicación de Grupó, explica que tiveron "entre 15 e 20 chamadas de propietarios en dous días, deles 15 retiraron as súas vivendas do alugueiro. Son súas, poden facer o que queiran. O libre mercado sería o que o regularía".
Máis do 95 % do mercado de alugueiro en Galicia está formado por pequenos propietarios. José Gándara Estévez, director comercial de Doval Inmobiliaria, tamén notou esa incerteza: "preguntaron moitas dúbidas como en que se concreta, como lles afecta como arrendadores, e sobre todo, no tema das prórrogas, que non poidan dispor das vivendas...".
Os inquilinos sinalan a dificultade de atopar vivendas en alugueiro. Nas axencias destacan que o mercado de alugueiro xa era escaso de antes e que agora algunhas desas vivendas sairán á venda. Con todo, moitos manteñen o arrendamento como viñan facendo.