O novo bus urbano de Santiago: máis frecuencias no Tambre, dous servizos nocturnos e aplicación renovada
O novo bus urbano de Santiago: máis frecuencias no Tambre, dous servizos nocturnos e aplicación renovada
A previsión é que estea en funcionamento antes de que finalice o ano
Serán un total de 16 liñas -10 liñas de orixe-destino e seis circulares-, e mais tres alimentadoras do rural
Mapa das novas liñas (Concello de Santiago de Compostela)
O concelleiro de Movilidade de Santiago, Xan Duro, anunciou que o novo servizo de bus incrementará as frecuencias no Polígono do Tambre, contará con dous servizos nocturnos e unha aplicación renovada. A previsión é que estea en funcionamento antes de que finalice o ano.
A nova rede de autobuses da capital galega está cada vez máis preto de materializarse tras a presentación este luns do mapa de liñas e a sintonía que acompañará os autocares, unha iniciativa que pretende facer o transporte accesible para as persoas con discapacidade visual.
En rolda de prensa, o edil presentou o novo mapa infográfico das liñas, que trata de simplificar o servizo e facelo "entendible" para todo o mundo. Serán un total de 16 liñas -10 liñas de orixe-destino e seis circulares-, e mais tres alimentadoras do rural as que o compoñerán.
A idea do Goberno local é repartir, polo menos, unhas 10.000 copias deste mapa á cidadanía e realizaranse reunións coas asociacións de veciños para explicar o seu funcionamento. A maiores, poderá consultarse vía web e haberá unha aplicación nova na que se incluirán todas as liñas.
Entre as novidades anunciadas, Xan Duro puxo en valor que a partir de agora cada parada -arredor de 700- contará con información precisa da hora á que pasará o bus polo devandito punto.
De forma detallada, destacaron a ampliación de frecuencias no Polígono do Tambre, a través da liña 1, que pasará polo devandito punto cada 15 minutos. Ademais, referíronse ás paradas dos campus, que se integrarán nas liñas circulares C2 e C4 para dar unha "maior cobertura". Son estas mesmas as que ofrecerán tamén o servizo de bus nocturno, ao considerar que serán os universitarios os que máis o utilicen.
Con respecto á sintonía, o autor da mesma, o músico compostelán Abe Rábade, explicou que se baseou nunha das súas pezas chamada 'Campo de Estrela' dedicada á capital galega e que priorizou aspectos como que sexa "reconocible" e non moi "cargante", para os condutores.
Deste xeito, a sintonía anunciará as correspondentes paradas do traxecto e as liñas que coincidan en cada punto. "Isto é fundamental, é un elemento clave en termos de transporte inclusivo", remarcou o concelleiro.