Publicador de contidos

Publicador de contidos

Saen ilesos os 63 pasaxeiros do autobús calcinado na AG-53 en San Cristovo de Cea

Saen ilesos os 63 pasaxeiros do autobús calcinado na AG-53 en San Cristovo de Cea

O lume propagouse cara ao monte, aínda que xa está estabilizado

Ningún dos 63 pasaxeiros quedou ferido

G24.gal 16/08/2026 18:39 Última actualización 16/08/2026 20:45

O incendio dun autobús con pasaxeiros que cubría o roteiro entre Santiago e Valladolid, orixinado esta tarde na AG-53, ao seu paso por San Cristovo de Cea, propagouse cara ao monte, aínda que xa está estabilizado.

Ademais, a estrada permanece cortada polo momento entre os quilómetros 65 e 73, segundo a DXT.

Os feitos producíronse pasadas as 17:45 horas no quilómetro 70 desta estrada, situado na parroquia de Lamas. 

A parte traseira do vehículo de transporte de viaxeiros comezou a arder.  Ningún dos 63 pasaxeiros quedou ferido.

Os pasaxeiros atopábanse ben e esperaron á chegada dun novo autobús para continuar a súa viaxe.

A Consellería do Medio Rural rexistrou un incendio forestal na mesma parroquia ás 17:51 horas e que deu por estabilizado pouco tempo despois, ás 18:30 horas.

O incidente mobilizou a un amplo operativo de emerxencias, conformado polos Bombeiros do Carballiño, Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico, que é responsable do corte de tráfico en sentido Ourense.

Ademais, a Xunta desprazou para a extinción do incendio forestal a tres axentes, catro brigadas, dúas motobombas, dous técnicos, dous helicópteros e dous avións.

"Levounos tempo apagar o lume, primeiro con auga para tratar de baixar a temperatura e posteriormente con escuma", relata Miguel Varela, cabo dos bombeiros do Carballiño. 

"De súpeto, empezou a saír fume por detrás e varios coches avisáronnos de que tiñamos que parar e xa o condutor parou e nada máis baixar prendeu", afirma un dos pasaxeiros.

"Estamos todos moi nerviosos, moi mal", engade outra muller que viaxaba no autobús. 

Imaxe cedida pola Garda Civil Imaxe cedida pola Garda Civil
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade