Continúa a grande afluencia de peregrinos a Compostela
A chegada de peregrinos mantén cheos os albergues e, en localidades como Sarria, tiveron mesmo que habilitar un pavillón para acoller a quen non atopou cama
O que máis está a medrar en adeptos é o Camiño Portugués, así como o Norte, percorrendo o litoral
Todos os camiños que levan a Santiago continúan batendo marcas de afluencia de peregrinos. O que máis está a medrar en adeptos é o Camiño Portugués, así como o Norte, percorrendo o litoral. Porque hai peregrinos que repiten a experiencia por outra ruta e tamén porque moitos foxen da masificación do máis popular: o Camiño Francés. Sábeno ben en Sarria, onde unha parte moi importante dos peregrinos inician a viaxe.
"Temos reservados os próximos cinco días, só con colexios", conta un hostaleiro da vila.
Con todo ao completo esta fin de semana o Concello de Sarria tivo que habilitar un polideportivo.
"Hai xente que non sei onde puido durmir. Estabamos ao tope", di a propietaria dun albergue.
O impacto económico nas vilas pequenas é moi importante.
"Para a comarca de Sarria, para Portomarín, para todo o Camiño Francés é un recurso importantísimo. As divisas que entran son moi relevantes", comenta José María Díaz, presidente do hotel Alfonso IX de Sarria.
Está a xogar un papel decisivo na fixación de poboación no rural xerando postos de traballo en hostalería, supermercados e todo tipo de empresas locais que naceron ao abeiro das necesidades dos peregrinos.
"É un soporte fundamental para o interior de Galicia", di José María Díaz, presidente do Hotel Alfonso IX.
Tal é o entusiasmo que esperta a ruta xacobea que hai albergues con reservas ata xaneiro do próximo ano.