A colleita de pataca na Limia, a piques de rematar
Con algo de atraso con respecto ao habitual, o oitenta por cento da pataca está xa almacenada
Os produtores contan con rematar entre esta semana e a que vén
Están satisfeitos co volume de produción
O exceso de pó pola seca prolongada é o único obstáculo que están atopando este ano na colleita da pataca da Limia. Empezou máis tarde do habitual, porque sementaron tarde polas chuvias da primavera, pero están recollendo con tranquilidade, sen ameaza de chuvia.
"A sorte é que o tempo nos deixa coller tranquilamente porque, se a pataca non cumpre o seu ciclo e se mete antes de tempo no almacén, hai problemas de conservación. Din que unha semana máis na terra é un mes máis no almacén", explica Daniel Joga, produtor de patac.
O rendemento está sendo bo, mellor incluso do esperado tras un verán especialmente cálido, con moitos días por riba dos corenta graos.
Servando Álvarez, técnico do INORDE: "Non vai ser un ano excepcional, non se van superar os 120 millóns, pero en torno aos 110 ou 115, un ano normal".
Os prezos roldan xa os 30 céntimos o quilo, o dobre ca o ano pasado, por desabastecemento do mercado.
"As altas temperaturas que tivemos aquí tamén as tiveron en Francia, en Alemaña, en Bélxica e en Holanda, pero alí, ao contrario que aquí, non teñen tecnoloxía de rego porque non lles soe facer falta, así que tiveron unhas baixadas de produción bestiais", sinala Servando Álvarez.
Calculan que o 80 por cento da produción está xa nos almacéns, e que recollerán o que falta antes de que remate o mes.