A calor adianta a colleita de pataca en Coristanco
Os produtores explican que a falta de chuvia evitou a aparición de fungos, malia que o tamaño dos tubérculos e a produción son menores
Son as primeiras patacas de Coristanco. Este ano chegan adiantadas.
"A finais de setembro ou comezos de outubro creo que xa estará todo recollido", di Miguel Negreira, produtor de patacas de Coristanco.
Os produtores comezaron a apañar a pataca antes do habitual e din que presenta unha moi boa calidade.
"En canto á calidade creo que como a deste ano, poucos anos tivemos", engade Negreira.
E contan que a ausencia de chuvias evitou a aparición de fungos. Malia que tamén tivo a súa parte negativa.
"Como non choveu, a planta non medrou. Teñen un tamaño máis pequeno e tamén a produción é menor", explica Juan ramón Sanjurjo, presidente da asociación de produtores de patacas de Coristanco.
"Por mor da calor, hai calibres moi pequenos que non se venden tan ben. E isto resta prezo", asegura Negreira.
Un prezo din que rolda ao do ano pasado.
"Témolas dez céntimos máis caras que o ano pasado. Aquí, na tenda, vendémolas a 1,70 euros o quilo", di Miguel.
"Para os particulares soen estar a 1,80 ou dous euros o quilo. Aos restaurantes véndenselles a 1,50 euros", conta Sanjurjo.
Levan apañado un trinta por cento da producción, pero confían en que o resultado final da campaña sexa bo, sobre todo, pola excelente calidade da pataca.