O cultivo de aguacate esténdese tamén pola comarca das Mariñas Coruñesas
Cando acada os sete ou oito anos, cada árbore pode producir entre 50 e 70 quilos de froita
A explotación agrícola Rego dos Campos está situada no concello de Culleredo. Iniciou a súa actividade de cultivo de aguacates en 2022.
"Empezamos nesta parcela que ten tres hectáreas e ao ano seguinte plantamos outra parcela que temos alí doutras tres e a idea é ir medrando pouco a pouco", comenta Mauro Álvarez, encargado da Finca Agrícola Rego dos Campos.
Técnico forestal de formación, Mauro destaca a alta adaptabilidade desta árbore froiteira orixinaria de latitudes tropicais.
"Na Galiza na zona da costa temos unhas condicións moi propias para o aguacate. O aguacate sempre que non baixe de 0º moitas horas non ten moitos problemas e iso xa é unha condición que a nosa comarca tiña de sempre", di.
Cando acada os sete ou oito anos, cada árbore pode producir entre 50 e 70 quilos de froita. "Esta é variedade Hass que é a variedade máis comercial que hai de todos os aguacates", puntualiza.
Malia que as producións máis consolidadas están no Rosal, en Pontevedra, na comarca das Mariñas Coruñesas están en plena expansión. Mauro asegura que "dentro de tres ou catro anos teremos a primeira produción xa seria, ou iso agardamos".
Rego dos Campos recibiu recentemente autorización para destinar máis parcelas a uso agrícola, o que lle permitirá duplicar a superficie de cultivo de aguacate ata chegar ás doce hectáreas.