Publicador de contidos

Publicador de contidos

A propietaria da mina de Penouta traslada a súa sede española a Viana do Bolo e crea a marca Coltán Gallego

A propietaria da mina de Penouta traslada a súa sede española a Viana do Bolo e crea a marca Coltán Gallego

A empresa australiana pretende acentuar a orixe galega do coltán "como garantía de rastrexabilidade" para a súa presentación ante o mercado europeo

A compañía completou o pasado xullo a adquisición do xacemento de estaño, tántalo e niobio cuxa anterior propietaria entrou en concurso de acredores en 2024

Energy Transition Minerals (ETM) Energy Transition Minerals (ETM)
G24.gal 14/10/2026 18:28

A empresa propietaria da mina de coltán de Penouta, a australiana Energy Transition Minerals (ETM), trasladou o domicilio social da súa filial española ás instalacións da explotación, en Viana do Bolo, desde onde xestionará a partir de agora as operacións vinculadas ao proxecto.

Ademais, segundo anunciou nun comunicado, creou a marca Coltán Gallego, "coa que o proxecto se dará a coñecer ante a industria e a sociedade". Esta decisión pretende acentuar a orixe galega do coltán "como garantía de rastrexabilidade" para a súa presentación ante o mercado europeo.

"Cumpre" co compromiso de vincular a súa actividade co territorio

Co traslado da sede, a compañía busca cumprir "un dos compromisos" adquiridos ao chegar á comarca e vincular a súa actividade empresarial ao mesmo territorio onde se desenvolve o proxecto de reapertura desta mina de coltán, que se define como a combinación de columbita e tantalita da que se obteñen o tántalo e o niobio.

"Penouta non é un punto nun mapa de activos. É un proxecto industrial que só ten sentido se forma parte do futuro de Viana do Bolo, da Veiga, da Gudiña e de toda a comarca. Que a empresa teña aquí a súa casa é a forma máis clara de dicilo", asegura o director de ETM en España, Daniel Gil.

Respecto a Coltán Gallego, a nova marca aspira a presentar "o contrario" á asociación habitual do coltán, que, segundo ETM,  se vincula frecuentemente "a cadeas de subministración opacas e a zonas de conflito".

"Queremos que calquera empresa tecnolóxica europea que compre material de Penouta saiba exactamente de onde vén e a quen beneficia", engade Gil.

A compañía completou o pasado xullo a adquisición da mina de Penouta, xacemento de estaño, tántalo e niobio cuxa anterior propietaria entrou en concurso de acredores en 2024. ETM lembra que estes tres metais están presentes na electrónica, as telecomunicacións e a aeronáutica e figuran entre as 34 materias primas críticas do regulamento europeo que as regula.

Ademais, segundo engade, os seus antigos vertedoiros conteñen areas feldespáticas con saída industrial.

"O seu aproveitamento converte os residuos da minería histórica en materia prima: un exemplo de economía circular que reduce a necesidade de nova extracción e que permitirá abastecer á industria de Galicia e do resto de España cun recurso de proximidade", defende.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade