Consulta aquí os festivos que terá o teu concello en 2027
Publicados os festivos locais para 2027 nos 313 municipios galegos
A festividade máis repetida volve ser o 16 de agosto, San Roque, escollida por preto dunha corentena de localidades galegas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a resolución da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais na que se recollen os festivos de carácter local para o ano 2027 dos 313 municipios galegos.
A festividade máis repetida volve ser o 16 de agosto, San Roque, escollida por preto de unha corentena de localidades galega, incluíndo Santiago de Compostela. Na capital galega, o outro festivo local será o 6 de maio, día da Ascensión.
Na Coruña, este ano seleccionaron o 9 de febreiro, martes de Entroido, e o 24 de xuño, San Xoán. Ferrol elixiu o 7 de xaneiro, San Xiao, e o 29 de marzo, A Nosa Señora de Chamorro.
Mesmo día que elixiu Vigo, 29 de marzo, luns seguinte á Reconquista, e o 16 de agosto. Pontevedra escolleu o 10 de febreiro, mércores de cinza, e o 29 de marzo, San Cibrán.
Ourense terá festa o 9 de febreiro e o 11 de novembro, Santo Martín, mentres que Lugo tamén o 9 de febreiro e o 5 de outubro, San Froilán. Para ver o resto de localidades galegas, están publicados no seguinte DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261026/AnuncioG0767-161026-0001_gl.html.
O San Xosé e o Día das Letras Galegas serán os festivos de ámbito galego en 2027
O calendario laboral de ámbito autonómico para 2027 foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de xuño. Ao ser en domingo o 25 de xullo e o 15 de agosto, o goberno galego optou por designar os días 19 de marzo (San Xosé) e o 17 de maio (Día das Letras Galegas) como os festivos propios da comunidade galega.
A normativa estatal establece 14 festivos, dous deles elixidos polos concellos e dous polas comunidades. Nove son de carácter obrigatorio e, salvo que cadren en domingo, non poden ser substituídos: 1 de xaneiro, Venres Santo, 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro; así como o 6, 8 e 25 de decembro.
Tamén serán festivos en Galicia o 6 de xaneiro e o Xoves Santo.