Dúas enxeñeiras de Verín reinventan o taller de xoiería do seu avó
Nunca época de dificultades para o pequeno comercio e o labor artesán, celebrar oitenta anos de historia neste mercado é todo un fito
O taller de xoiería Pato de Verín, reinventado polas netas do fundador ao colleren a remuda en plena pandemia, é finalista dos Premios do Comercio Galego por combinar tradición e modernidade
Están dúas xeracións de Pato Xoieiros. O pai e as fillas compartindo experiencias baixo a mirada inmortalizada do avó, que puxo en marcha o negocio en Verín hai 80 anos.
"O noso avó empezou coa xoiería pero tamén era reporteiro dun xornal de Ourense, facía teatro... O meu pai tamén, era humorista e facía moitas cousas pola vila", explica Esther.
Esther e Victoria colleron a remuda en plena pandemia. Ambas as dúas son enxeñeiras, andaban polo mundo adiante, e aceptaron o reto do negocio familiar para volver ás raíces, na vila natal. Da enxeñería incorporaron novos métodos de traballo.
"A diferenza que teñen as nosas xoias é que son de ouro e prata reciclados. Usamos doutras xoias, entre outras cousas, para non seguir explotando uns recursos naturais que temos xa moi explotados", sinala Victoria.
Tamén innovaron no xeito de chegar á xente, cunha xoiería rodante.
"Sacar a xoiería á rúa, participar en eventos como carreiras populares ou eventos populares, facendo xoias en vivo e en directo para os convidados", explica Victoria.
A xoiería, en plena zona vella de Verín, acolle concertos e exposicións cos que pretenden continuar o legado dun apelido moi implicado na vida cultural da vila do Támega.