A Garda Civil rescata dúas persoas que caeran á auga mentres practicaban deporte acuático na Illa de Arousa
A Garda Civil rescata dúas persoas que caeran á auga mentres practicaban deporte acuático na Illa de Arousa
As dúas persoas rescatadas presentaban lixeira hipotermia, pero atopábanse en perfecto estado e non precisaron asistencia sanitaria de ningún tipo
A patrulleira da Garda Civil Corvo Mariño rescatou dúas persoas que caeran ao mar mentres realizaban unha actividade acuática na Illa de Arousa. Os axentes foron avisados polos ocupantes dunha embarcación tipo planadora que estaba á deriva e que fixeron sinais pedindo auxilio.
Ao aproximarse á embarcación, indicaron que dous dos seus acompañantes caeran á auga. Os afectados estaban a ser remolcados sobre un artefacto flotante tipo banana cando se precipitaron á auga.
Este lugar, informa a Garda Civil, está situado dentro da canle de navegación ao porto de Vilagarcía de Arousa e nas inmediacións do porto de Xufre.
Debido á afluencia de motos náuticas, embarcacións de alta velocidade, recreativas e veleiros, típicos desta época, considérase unha zona de alta densidade de tráfico marítimo con alto perigo para os náufragos que caeron á auga, sen chaleco de flotabilidade nin medios salvavidas de ningún tipo.
A patrulleira iniciou entón o achegamento e localizou as persoas caídas á auga, que se atopaban "en condicións precarias, cansos e sen poder nadar".
Dada a súa situación, non foron capaces de agarrar os aros salvavidas, e tiveron que ser rescatados da auga polos axentes.
Ademais, a Garda Civil tivo que colaborar na reparación do motor da planadora, que quedara inutilizado ao enrolarse co cabo da banana, explicaron.
As dúas persoas rescatadas presentaban lixeira hipotermia, pero atopábanse en perfecto estado e non precisaron asistencia sanitaria de ningún tipo.