Ninguén salva da molladura se vai á Festa da Auga de Vilagarcía
A misión dos veciños é tirarlle auga aos romeiros que xa veñen preparados para a molladura
A festa pagá naceu nos anos 70 durante a procesión do San Roque, cando os devotos pedían que os refrescasen
En Vilagarcía este domingo ademais de ser o San Roque, o que realmente se celebra é a Festa da Auga. A lectura do pregón abre a billa para que as rúas cheas de xente acaben debaixo dunha choiva artificial. A auga cae das ventás da veciñanza, dos balcóns, das mangueiras e dos artefactos individuais improvisados para este día.
"Veño cunha funda para o móbil, cunha pistola de auga, o bañador e non me fai falta máis", di un mozo
"Quen vén ten que saber que se ten que mollar e se non queren que queden na casa", advirte unha romeira
"Aquí coa familia gozando e mollándonos que o día está para iso", di outro
A festa pagá ten orixe na procesión de San Roque a finais dos anos 70. Os romeiros, abafados pola calor, pedíanlle á veciñanza que os refrescasen e desde entón a auga converteuse na maior atracción desta xornada.
A "zona húmida" delimitada polo concello abrangue dez prazas e rúas. Fóra delas está prohibido mollar a ninguén pero difícil é saír enxoito se se quere gozar da festa.