Os concellos que beben do Lérez prorrogan as restricións no consumo de auga
Esta mañá mantiveron unha reunión telemática con Augas de Galicia
Polo momento mantense o bombeo no Lérez pero, se non chove en dúas semanas, terían que usar as reservas do encoro do Pontillón do Castro
O caudal do río Lérez baixou tanto nos últimos días que a Xunta decretou alerta por seca nos concellos que se abastecen del. Responsables deses consistorios mantiveron nas últimas horas unha reunión telemática con Augas de Galicia para avaliar a situación.
Polo momento, non se acordaron medidas novas porque aínda hai caudal suficiente para seguir bombeando.
A pasteira ENCE xa deixou de captar auga do Lérez e os concellos prepáranse para o que poida vir. Segundo a tenenta de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde, "na semana do 24 de agosto tería que chover algo para poder manter o bombeo".
Se non chove, terían que tirar das reservas no encoro do Pontillón do Castro que, segundo o alcalde de Poio, Ángel Moldes, podería subministrarlles auga "entre 15 e 20 días".
En Poio, hai dúas parroquias con medidas aínda máis duras porque se abastecen doutros mananciais. En Raxó e Samieira, a subministración está cortada dende as doce da noite ás oito da mañá.
Os concellos que collen auga do Lérez acordaron acordaron manter as restricións vixentes e traballar na constitución dunha mancomunidade que xestione este prezado recurso.