As captacións do Tambre empezan a quedar parcialmente fóra de servizo polo baixo caudal
Na potabilizadora de Lens que abastece a Bertamiráns e Brión a captación sobresae xa 12 centímetros por riba do nivel da auga
Ames pide unha intervención urxente na presa da Ponte Maceira para asegurar a toma de auga
No concello de Ames levan adoptando medidas de aforro de auga desde comezos de verán, pero esta semana intensificáronas ao entrar oficialmente en nivel de prealerta.
Suspenderon máis servizos de baldeo ou de rego, incluído o das hortas urbanas. Víctor Fernández, Concelleiro de Urbanismo e voceiro do Concello de Ames, di que a situacion é moi preocupante porque o tempo non cambia e as tomas de captación da planta potabilizadora de Lens xa empezan a asomar 12 centímetros por fóra do nivel do río.
Por iso solicítanlle á Xunta que tome medidas urxentes para paliar os estragos das riadas invernais na presa da Ponte Maceira.
"Pedimos que xa que aquel proxecto de máis de 400.000 euros que xa estaba comprometido non se leva a cabo que polo menos se poida arbritrar algunha medida provisional que poida paliar esa perda de auga".
Para asegurar a captación na potabilizadora de Lens compre frear as perdas de auga na presa da Ponte Maceira
Aínda que polo momento os veciños non o perciban a nivel doméstico, en vista que non se albiscan chuvias, no concello van estudando medidas de abastecemento alternativas, tanto para os usuarios da traída, coma para os que viven en zonas rurais e poidan ter falta de auga na súa propia rede. Ao mesmo tempo tentan que a cidadanía se conciencie e reduza o máis posible o consumo.