Buscan a narcolancha que fuxiu de Muxía coa metade do alixo
A investigación sinala o Garda Civil arrestado en Camariñas como asesor do líder do grupo e informador
Primeira imaxe do alixo de cocaína incautado na praia da Arnela, no momento da descarga. 1.617 quilos de cocaína repartidos en 49 fardos.
"É unha operación de gran calado na que están traballando de maneira conxunta Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira", confirma Pedro Blanco, o delegado do Goberno en Galicia.
Foi unha investigación longa, de máis de ano e medio, que comezou coa aparición deste narcosubmarino medio afundido na entrada da ría de Camariñas, xa sen mercadoría. Detrás de ambos cargamentos, un mesmo grupo estable, asentado na Costa da Morte, sobre todo, en Muxía, especializado en grandes alixos e en darlles apoio loxístico a varias organizacións internacionais.
"É un paso máis no desartellamento destas bandas e organizacións que están importando droga ao noroeste de España. A operación segue aberta e non se descartan máis detencións", engade Blanco.
Ata aí a pouca información oficial que transcendeu. O resto foise sabendo por filtracións.
Primeiro, que os colleron na allada, xusto na metade da descarga, e que a narcolancha fuxiu coa outra metade da mercadoría. Calculan que cuns 1.500 quilos de cocaína.
Na Arnela, caeron máis dunha ducia de persoas. Entre eles, o suposto líder do grupo. Un veciño de Muxía que tiña a súa propia casa como base, tanto para as reunións en que se organizaban as operacións como para almacenar os alixos.
"Aquí na nosa zona é moi normal", recoñece un veciño.
Polo que transcendeu, os narcos levaban tempo cos móbiles intervidos. Polas conversas, os investigadores destacan o papel do garda civil arrestado en Camariñas, íntimo do xefe, e clave en labores de asesoramento e como informante. Estiman que este suboficial da Comandancia da Coruña moveu máis de 400.000 euros nos últimos cinco anos.
Durante máis de vinte e catro horas houbo rexistros por toda Muxía.
"Andiveron mirando nos baixos, entraron a revisar as casas, houbo moita axitación", engade o home.
"Os gardas estiveron diante da casa de enfronte todo o tempo, marchaban uns e viñan outros", coincide outra testemuña.
Tamén noutros concellos da Costa da Morte e na contorna da Coruña. E máis ao sur. Suponse que aí están os verdadeiros xefes da organización. En Boiro, Sanxenxo e Vilanova detiveron nove persoas, unha delas fillo dun narco con nome.
En total, confirmáronse 23 arrestados que xa están en prisión.