Xulgan un veciño da Estrada dúas veces nunha semana acusado de tráfico de drogas
Pídenlle oito anos de cadea nunha das causas e dez na outra
Detivérono o 31 de outubro de 2025 no marco da operación Atamán, e permanece en prisión provisional dende entón
Chámanlle o Francés ou Jean Pierre, e detivérono no marco dunha operación antidroga na Estrada o 31 de outubro do ano pasado. Segundo declarou o axente da Garda Civil ao mando da operación, levaban tempo vixiándoo, a el e aos presuntos consumidores cos que tiña contacto.
Seguiron e gravaron varios intercambios. Segundo a Fiscalía, o acusado quedou polo menos en sete ocasións con distintas persoas para subministrarlles cocaína. Ás veces ía no coche dunha muller ou acompañado dela, tamén acusada. Eran pequenas cantidades, de menos de medio gramo a pouco máis de cinco, que foron incautando os axentes ao rexistrar os supostos clientes do Francés.
O gordo pillárono despois, o día da detención, cando seguiron os dous acusados ata un garaxe en Cuntis e rexistraron un coche que gardaba alí. No interior había dous paquetes agochados, cada un dun quilo de cocaína, e outros dous nun bolso, que sumaban cousa de cen gramos. En total, 2.108 gramos, cun valor estimado de mercado de máis de 222.000 euros.
Por estes feitos, que os acusados non recoñeceron, a fiscalía pide 8 anos de prisión e 700.000 euros de multa para el; e 6 anos e medio e outros 700.000 euros para ela.
O avogado que os defende tentará que se declaren nulos os seguimentos e o rexistro, por facerse -alega- sen orde xudicial. Os dous teñen fixado outro xuízo esta semana, por tráfico de drogas e branqueo de capitais. Nese procedemento tamén están acusadas a nai e a irmá do Francés.